A actividade está organizada por Comarcal de Cariño coa colaboración do Concello
Cariño, 25 de marzo, 2025. Cariño será a sede dunha Gala Solidaria musical en beneficio da ONG Mans Unidas. O evento celebrarase o sábado 29 de marzo ás 18:30 horas no Auditorio Municipal e está organizado por Comarcal de Cariño en colaboración co Concello. Na actuación estarán presentes membros do equipo de goberno do Concello de Cariño e representantes da delegación ferrolá da ONG Mans Unidas.
Na actividade actuarán oito agrupacións ou solistas diferentes: AC Troula do Ortegal, Agrupación S. Xiao do Trebol, Virginia (solista), Cantos de Taberna Vos Rueiros, Juan Pedramea (solista), Lorena (laud), Rondalla de Cariño e a Coral Polifónica de Cariño. A gala pecharase coa actuación conxunta ‘O Carro’, con bandurrias da rondalla.
As entradas estarán á venda na mesma porta do Auditorio Municipal o día do evento, cun prezo simbólico de 5 euros, aínda que ao tratarse dunha causa solidaria, os asistentes poderán achegar a vontade. Durante as actuacións tamén se procederá ao sorteo dun xamón, cedido para a ocasión polo supermercado Eroski. Todo o recadado irá destinado á delegación de Ferrol da ONG Mans Unidas, que se atopa inmersa na súa campaña contra a fame no mundo.