O veto do PPdeG á transferencia a Galicia das competencias de tráfico reclamada no Parlamento polo BNG (logo dunha ben alicerzada intervención, no xurídico e no político, do avogado Iago Tabarés) amosa estarmos diante do PPdeG máis sometido a Madrid da súa historia e do peor dirixido. Porque, no canto de xente preparada, o PPdeG leva tempo a escoller persoas culturalmente limitadas e superficiais, con pouco coñecemento das realidades sociais e moi radicalizadas no político por mor das súas deficiencias formativas. Como me dicía este día un antigo deputado e alcalde galego “…con esta caste de persoas na dirección, Xoán, o fracaso na xestión e na defensa dos intereses galegos está garantido”.
No das transferencias de tráfico Rueda emenda co seu veto o voto favorábel de Feijóo como líder do PPdeG no 2008. Daquela o líder do BNG e vicepresidente da Xunta Anxo Quintana (BNG) propúxolles ao PPdeG e PSdeG aprobar conxuntamente no Parlamento de Galicia unha proposición de lei reclamando do Estado as competencias de tráfico, que integrarían a Policía de Galicia creada por lei galega de 2007. Os tres grupos aprobaron por unanimidade a proposición, que foi rexeitada en setembro de 2010 polo vergoñento voto en contra do PSOE ( que contaba Pepe Blanco entre os seus ministros) e a abstención do PP estatais.
No 2008 defendera no noso Parlamento polo PPdeG a proposta “…sen emendas nin críticas pola vontade clara e unánime do Parlamento…” o antigo secretario xeral do PPdeG con Manuel Fraga e conselleiro responsábel de Interior Xesús Palmou (avogado e comisario de policía de profesión), mentres que a defensa da proposición de lei perante o Congreso en setembro de 2010 fora desenvolvida polo entón voceiro do PPdeG (2009-2023) no Parlamento de Galicia, Pedro Puy Fraga, que defendera a proposta galega, que segundo el non tiña a ver cun debate identitario senón “…cun debate racional, da organización racional do poder…” afirmando a conveniencia de “…xestionar dende a proximidade un servizo que na Galicia ven condicionado polo orográfico, polo climático e polo asentamento da poboación ao longo do territorio…” . Que mágoa a diferenza entre dirixentes políticos populares preparados como os devanditos Xesús Palmou ou Puy Fraga e os actuais Paula Prado, Angeles Vázquez ou Miguel Tellado!
Foi o propio Aznar quen transferiu as competencias de Tráfico no 1997 a Catalunya, a medio dunha lei orgánica de semellante contido á aprobada pola unanimidade do noso Parlamento no 2008. Nafarroa e Canarias recibiron tamén cadansúas competencias neste eido, mentres que Euskadi as desenvolve a medio da Ertzaintza dende 1982 por directa atribución estatutaria. A xestión do tráfico dende a proximidade a medio dunha Policía civil e autonómica ten demostrado ser moito máis efectiva ca o actual modelo alicerzado nun corpo militar dirixido por militares, malia a profesionalidade dos gardas civís de tráfico que exercen na Galicia, que haberían ser inseridos no Corpo da Policía de Galicia creado por lei no 2007 a medio da correspondente pasarela.
Xa que logo, o PPdeG desbota, por razóns de subordinación dependentista dos intereses galegos aos do PP estatal, un modelo policial e de xestión que melloraría substancialmente a seguridade viaria na Galicia afastándose do actual modelo de exacción recadatoria. Sacrifica, xa que logo, o autogoberno e o benestar galegos disparándose-disparándonos- un tiro no pe.