Este último venres, 14-M, coñeceuse a publicación no DOG da declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel ao proxecto de celulosa Gama (no que a portuguesa Altri partilla cun 75%). Moitos expertos en patrimonio cultural, hidroloxía, bioloxía, ambientais ou edafólogos consideran (velaí o recente informe do Consello da Cultura Galega https://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4515 e outras análises recentes ) que o proxecto pon en risco os princípios de prevención e precaución ambientais. Velaí as amplas posibilidades dunha xudicialización futura perante o TSXG (a DIA non é recorríbel por seren un acto de trámite, mais a autorización administrativa que aprobe o Consello da Xunta de Galicia-competente por ter sido declarado o de Altri proxecto estratéxico- si é recorríbel), sendo probábel, consonte coa xurisprudencia deitada polo TSXG nos procedementos das autorizacións eólicas ultimos ao abeiro destes princípios ambientais do Dereito europeo, que a xustiza suspenda a autorización e, xa que logo, a execución do proxecto Altri, sendo moi improbábel que o Tribunal Supremo revogue a decisión que adopte o TSXG canto medidas cautelares, tendo en conta a falla de suceso que están acadando as promotoras eólicas contra decisións análogas de suspensión cautelar.
Ese río xa chegará e, entón, haberá que atravesalo. Mai hai unha vertente que se esquece moito máis cando analisamos este proxecto tan discutíbel e tan pouco aprezado polo conxunto da cidadania galega, nomeadamente no val do Ulla, ría de Arousa (Norte e Sur), A Ulloa, o Deza e as Terras de Arzúa e Melide. É dicir, na liña transversal central da Galicia, das portas de Lugo ás portas de Pontevedra e Vilagarcía pasando polas de Lalïn e da propia Compostela, capital do país. E esta vertente é o seu absurdo económico e empresarial, a súa caracterización de proxecto de encrave para o aproveitamenrto do eucalipto nun territorio de sacrificio. Como dicía este domingo 16-M David Chipperfield, alén do seu stress biolóxico, é absurdo un proxecto que prioriza a explotación forestal do eucalipto impedindo o desenvolvemento da vocación produtora de alimentos das bisbarras afectadas, Xusto nuns tempos que esixen gañarmos a autonomia alimentaria, no nível galego e no nível europeo.
Que políticos sen sentido estratéxico como Ángeles Vázquez, Paula Prado ou o alcalde de Palas de Rei teimen en facer de Altri o seu leit motiv é lóxico no contexto do que fan e representan estas persoas. Mais semella ilóxico (diría que alarmantemente ilóxico) a falla de sentido político que dende marzo de 2024 está a amosar o presidente Rueda neste tema.
Porque éste vai ser a cuestión recorrente toda a lexislatura, o eixo da mesma. E vai representar a loita entre o poder e a alternativa de poder. Rueda desprezou a coalición de sectores produtivos, sociais, veciñais-cidadás, culturais (velai o berro unánime do audiovisual galego, na Festa dos Mestre Mateo este sábado 14-M) e, tempo por diante, esta coalición pode pasarlle por riba.
A arrincadeira. Non foi un escrache
Rueda e o seu Goberno foron ben escolados por Nuñez Feijóo en dous deportes que practicaba moi ben: botarlle e a culpa aos demáis e facerlle oposición á oposición. O domingo 9-M o colectivo Ulloa Viva partillou nunha celebración municipal do Día da Muller na parroquia melidá onde a conselleira Angels Vázqiez ten a súa orixe e unha residencia familiar. Fontes directas manifestan que as persoas que reclamaban contra Altri (e contra as evidentes responsabilidades da conselleira a respecto do proxecto) atopábanse a máis de 200 mts da vivenda da família da conselleira, sen que ningún cargo orgânico ou institucional do BNG partillase nesta demostración, como fontes do PP espallaron nos médios e nas redes sociais.
O escrache é unha inmisión na intimidade persoal e familiar e, xa que logo, é inadmisíbel politicamente e mesmo pode constituir un delicto de coaccións. Mais semella que este 9-M nesta parroquia arzuá non houbo escrache ningún e si xogo revolto do PP para que no canto de ollar cara á lúa ollemos cara ao dedo.