O concelleiro Osvaldo Chantre estivo presente onte na Asemblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, onde tamén participou o tenente da alcaldesa de Burela, Mario Pillado
Burela, 27 de marzo de 2025. O Concello de Burela recibirá a visita de Osvaldo Chantre, concelleiro de Tarrafal (Cabo Verde), o próximo luns 31 de marzo. Durante a súa estadía, Chantre percorrerá puntos clave da vila relacionados co sector pesqueiro, unha das áreas máis destacadas do municipio.
Esta visita enmárcase dentro da colaboración establecida a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no que Burela participa activamente. Precisamente, o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, participou onte na Asemblea do Fondo Galego, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.
Durante o encontro, aprobáronse a memoria e as contas do ano 2024, ademais, validouse o plan de actividades para 2025, que inclúe proxectos en África e Latinoamérica, unha convocatoria de axudas a ONGD galegas dotada con 100.000 euros e máis de medio cento de actividades de educación para a cidadanía global. Tamén se aprobou a adhesión do Fondo Galego á Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA).
Un dos momentos destacados do encontro foi a presentación dos proxectos que o Fondo Galego está a desenvolver no municipio de Tarrafal, a cargo do seu presidente da cámara, José dos Reis Varela. Mario Pillado tivo a oportunidade de saudar tanto a Varela como a Osvaldo Chantre, reforzando os lazos de colaboración entre ambas as localidades.
“É unha honra representar o Concello de Burela no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, onde temos a oportunidade, ademais de manter unha colaboración continua cos países do Sur, de participar en moitas das actividades que nos ofrecen, así como de recibir persoal doutras latitudes e asistir a congresos coma o IV Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local, que se celebrará en Sevilla entre o martes 1 e o xoves 3 de abril”, manifestou Mario Pillado.