Representantes institucionais mantiveron un encontro no que abordaron as necesidades de contratación da localidade e cales son os perfiles profesionais máis demandados
Burela, 22 de marzo de 2025. O Concello de Burela mantivo unha reunión de traballo co tecido empresarial e asociativo doo municipio para impulsar a creación do emprego. No encontro, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Burela, participaron a orientadora laboral e o Director do Centro de Formación Ocupacional do Concello de Burela, así como representantes da Cofradía de Pescadores, Cruz Vermella, a ONG Rescate Internacional, responsable do centro de refuxiados situado na vila e empresas de sectores como a construción, restauración, limpeza ou distribución, que se achegaron para coñecer recursos e expor as súas necesidades.
A reunión permitiu permitiu detectar necesidades reais de contratación, identificar perfiles profesionais demandados, compartir recursos e establecer sinerxías chave para avanzar na inserción laboral e na dinamización do mercado de traballo na zona.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, agradeceu a participación das empresas e destacou que “foi unha xornada moi enriquecedora, na que se detectaron necesidades formativas fundamentais para o tecido empresarial, e na que ademais tivemos a oportunidade de trasladar información sobre os recursos dispoñibles no concello e que moitas empresas descoñecían”. “Desde o Concello reafirmamos o noso compromiso para dar continuidade a este tipo de encontros”, subliñou.
Pola súa banda a orientadora laboral do Concello de Burela, Paula Delcampo, sinalou que “foi un encontro moi produtivo no que se facilitaron impresións sobre a realidade laboral da zona. A gran participación e as conversas entre asistentes e entidades permitiron establecer sinerxías que serán decisivas para avanzar no obxectivo de contratación desexado polo Concello”.
E dende Cruz Vermella Burela, Lorena Rodríguez sinalou que “o encontro foi moi enriquecedor, xa que puidemos dar visibilidade ao funcionamento ao Plan de Emprego e aos nosos proxectos específicos. Este tipo de espazos son fundamentais para conectar recursos e necesidades reais”.
O Concello de Burela valora moi positivamente o resultado desta iniciativa e ratifica o seu compromiso de continuar organizando encontros similares que permitan tecer redes entre os diferentes axentes implicados na mellora da empregabilidade, a inserción laboral e o desenvolvemento económico local.