O Concello entrega un local ao Burela Surf Club e promove actividades durante a Semana Santa no marco do proxecto “Ondas Limpas”
Burela, 27 de marzo de 2025. O Concello de Burela reafirma o seu compromiso co medio ambiente e o deporte ao facer entrega dun local ao recentemente creado Burela Surf Club. Esta nova entidade deportiva nace coa vontade de achegar o surf á veciñanza e promover valores de convivencia e respecto polo medio mariño.
A adecuación do local foi posible grazas ao financiamento da Deputación de Lugo, nun exemplo de colaboración institucional para dotar de infraestruturas ao tecido deportivo emerxente do municipio.
Coincidindo con este fitos, o proxecto “Ondas Limpas”, promovido polo Concello en colaboración co Burela Surf Club e financiado pola Unión Europea a través do FEMPA, xestionado polo GALP A Mariña – Ortegal, pon en marcha novas actividades de sensibilización ambiental e dinamización do litoral.
Bautizos de surf para todas as idades
Durante a Semana Santa, os días 17 e 18 de abril, celebrarase na praia da Marosa unha actividade gratuíta de iniciación ao surf, dirixida a persoas maiores de 8 anos. Os bautizos de surf estarán guiados polo monitorado do Burela Surf Club, que ensinará tanto os aspectos técnicos básicos do deporte como nocións de seguridade e coidado do medio natural.
O prazo de inscrición abrirase de maneira presencial os días 1, 2 e 3 de abril na oficina GAIA, situada na praza de abastos. Se quedasen prazas vacantes, habilitarase un formulario en liña os días 4, 5 e 6. As prazas son limitadas e priorizarase a veciñanza empadroada en Burela.
Un proxecto que combina deporte e conciencia ambiental
O proxecto “Ondas Limpas” continúa en 2025 coa súa traxectoria de sensibilización e acción ambiental, tras o éxito das xornadas formativas e recollidas comunitarias realizadas en 2024. Ademais das actividades de surf, este ano desenvolverase un mural colectivo con material de refugallo, co obxectivo de destacar a importancia da reciclaxe e do coidado do litoral.
“A posta en valor da nosa costa, a través de actividades educativas, deportivas e respectuosas co entorno, é unha aposta estratéxica para o futuro de Burela. Hoxe damos un paso máis cun local para o noso club de surf e cunha proposta que une deporte e conciencia ambiental”, destacou a alcaldesa, Carmela López.
Desde o Burela Surf Club quixeron manifestar o seu agradecemento ao Concello de Burela pola cesión do local e por tramitar a subvención do GALP para dotar a Burela deste tipo de actividades. “Para nós é unha oportunidade que sen eles non sería posible. Tamén queremos darnos a noraboa como club, xa que foron meses de moito traballo que mereceron completamente a pena”.
“Só nos queda continuar pasiño a pasiño con este proxecto tan significativo para nós, do que esperamos que moita xente do pobo lle saque proveito. Ao final, o noso obxectivo principal sempre foi o de incentivar a importancia da cultura do mar nun pobo como Burela e que mellor forma de facelo que cun deporte tan fermoso como é o surf”, engadiron.