Burela, 18 de marzo de 2025. O Concello de Burela un ano máis a carreira Enduro Monte Castelo. A V edición do evento marcará un fito na súa historia ao pasar a formar parte da Copa de España de Enduro, converténdose nunha proba de ámbito estatal. Está organizada polo Club Ciclista Cerezo Bikes co apoio do Concello, a Deputación e o comercio local.
Un dos aspectos máis destacados desta proba é a súa combinación de enduro de montaña con descenso urbano, sendo pioneira en España nesta modalidade. Este percorrido non só supón un incentivo extra para os corredores, senón que también se converte nun gran atractivo para o público.
Deste xeito, demais dos catro tramos cronometrados no monte, haberá un quinto tramo completamente urbano que discorrerá polas rúas de Burela, transformando a vila nun circuíto con grandes estruturas de madeira.
O programa do evento comezará o sábado 12 de abril cunha xornada de adestramentos do tramo urbano, permitindo aos asistentes gozar dun adianto do que será a competición. Pola noite, a Praza do Concello acollerá un concerto do grupo Louband, engadindo un toque festivo á fin de semana. A carreira oficial disputarase o domingo 13 ao longo de toda a mañá.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, quixo destacar a importancia deste evento para a localidade: “O Enduro Monte Castelo non só coloca a Burela no panorama deportivo nacional, senón que xera un impacto positivo no comercio e na hostalería local”.
“Ademais, quero salientar a implicación do Club Ciclista Cerezo Bikes e dos seus integrantes, que traballan durante todo o ano para manter o monte limpo e coidado, facendo de Burela un lugar idóneo para a práctica desta modalidade deportiva”, engadiu a rexedora.
“Con esta iniciativa, Burela consolídase como un referente para o deporte e o turismo deportivo, ofrecendo un evento de primeiro nivel que combina a paixón polo ciclismo coa dinamización da vila”, concluíu a rexedora.
Pola súa banda, o presidente de Cerezo Bikes, Jaime Seijas, sinalou que dende o club están “moi orgullosos de organizar o V Enduro Monte Castelo, o primeiro evento en España que combina un enduro en montaña con un descenso urbano”.
“Agardamos unha gran afluencia de público e participantes, facendo desta edición un auténtico espectáculo deportivo”, sinalou o presidente do club.