Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros será sede da primeira Valkiria Race

Barreiros, 22 de marzo de 2025. Foi presentada no Concello de Barreiros, en presenza da alcaldesa Ana Ermida, do concelleiro de deportes Daniel García e do representante do clube orgnizador Club Barreiros Multisport, a I edición da Valkiria Race, un evento deportivo pioneiro na comarca que acolle varias probas competitivas de Pentatlón Moderno e unha carreira de obstáculos, e que espera reunir a máis de 800 deportistas ofrecendo un espectáculo sen precedentes en Barreiros.

O evento arrancará o sábado 20 de setembro cunha xornada competitiva do Campeonato de España de Laser Run e outra carreira de Laser Run en modalidade de relevos da Liga Nacional de Clubes. E o domingo 21 disputarase a carreira de obstáculos, un desafiante recorrido de 10 km con máis de 38 obstáculos, integrada na Liga Nacional AOCO (Asociación de Organizadores e Clubes de Obstáculos de España), que desafiará a atletas de todos los niveles en probas de resistencia e habilidade.

A alcaldesa Ana Ermida expresou o “agradecemento por escoller Barreiros para este tipo de evento deportivo, xa que proxecta a Barreiros a nivel estatal e autonómico, e incluso internacional; posicionándoo como un destino para competicións deportivas tanto populares como de alto nivel”.

A rexedora insistiu no “impacto positivo na comarca e na localidade que teñen este tipo de iniciativas, que reforzan ademais o traballo que se está realizando tamén polas asociacións deportivas locais, promovendo que a veciñanza se involucre co deporte e o practique; ao tempo que impulsa o aumento da demanda do sector turístico, de hospedaxe e restauración”.

Exit mobile version