Barreiros, 22 de marzo de 2025. Foi presentada no Concello de Barreiros, en presenza da alcaldesa Ana Ermida, do concelleiro de deportes Daniel García e do representante do clube orgnizador Club Barreiros Multisport, a I edición da Valkiria Race, un evento deportivo pioneiro na comarca que acolle varias probas competitivas de Pentatlón Moderno e unha carreira de obstáculos, e que espera reunir a máis de 800 deportistas ofrecendo un espectáculo sen precedentes en Barreiros.
O evento arrancará o sábado 20 de setembro cunha xornada competitiva do Campeonato de España de Laser Run e outra carreira de Laser Run en modalidade de relevos da Liga Nacional de Clubes. E o domingo 21 disputarase a carreira de obstáculos, un desafiante recorrido de 10 km con máis de 38 obstáculos, integrada na Liga Nacional AOCO (Asociación de Organizadores e Clubes de Obstáculos de España), que desafiará a atletas de todos los niveles en probas de resistencia e habilidade.
A alcaldesa Ana Ermida expresou o “agradecemento por escoller Barreiros para este tipo de evento deportivo, xa que proxecta a Barreiros a nivel estatal e autonómico, e incluso internacional; posicionándoo como un destino para competicións deportivas tanto populares como de alto nivel”.
A rexedora insistiu no “impacto positivo na comarca e na localidade que teñen este tipo de iniciativas, que reforzan ademais o traballo que se está realizando tamén polas asociacións deportivas locais, promovendo que a veciñanza se involucre co deporte e o practique; ao tempo que impulsa o aumento da demanda do sector turístico, de hospedaxe e restauración”.