O remolque foi solicitado polo Concello ao abeiro da orde de axudas para equipamentos de emerxencias do ano 2024
O Concello de Barreiros vén de recibir un remolque de atención a situacións de emerxencias que conta con material básico para utilizar nas intervencións como bombas para augas residuais, xeradores eléctricos, desbrozadores, torres de iluminación ou elementos de sinalización.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou “que se solicitou este remolque para tratar de complementar o material do que dispón o Concello para actuacións en casos de emerxencia, facilitando a labor das persoas que de xeito voluntario colaboran na agrupación”. A rexedora mostrou o seu agradecemento a esas persoas “que co seu traballo voluntario fan posible a atención a emerxencias no noso concello, pero tamén garanten o desenvolvemento e a seguridade de moitos dos eventos que se desenvolven en Barreiros e que, de non ser pola súa participación, sería inviable realizalos”.
Neste sentido, Ana Ermida lembrou a importancia de contar con este servizo nun concello pequeno e rural coma Barreiros, con persoas que coñecen o territorio e que moitas veces son as primeiras que chegan ante unha chamada de emerxencia; colaborando ademais con outros servizos para garantir unha mellor execución das actuacións.