Barreiros, 6 de marzo de 2025. O Concello de Barreiros organiza varias accións para celebrar o Día Internacional da Muller promovendo a igualdade e visibilizando o papel fundamental das mulleres na sociedade.
Este ano, en colaboración co obradoiro de emprego de dinamización que comparte co Concello de Ribadeo, levará a cabo varias actividades aos centros escolares.
No CEIP de San Cosme, este venres, 7 de marzo, ás 11:00 crearase a “Árbore da igualdade”. O alumnado do centro vestirá unha das árbores do recinto escolar para transformala nunha árbore da igualdade. As nenas e nenos tamén elaborarán pancartas e mensaxes de igualdade e apoio á muller que pendurarán da árbore simbolizando o seu compromiso cunha sociedade máis xusta e equitativa.
Os nenos e nenas do CEIP de San Miguel, xunto co alumnado do obradoiro de emprego, participarán na creación dun mural colaborativo pola igualdade. Este mural, que se realizará ao longo da próxima semana cando a climatoloxía o permita, buscará transmitir unha mensaxe de unión e recoñecemento do papel das mulleres no presente e no futuro.
Manifesto institucional
O acto central terá lugar o venres 7 de marzo ás 12:00 horas na Praza do Concello coa lectura do manifesto institucional. A continuación, como símbolo de esperanza e liberdade, farase unha solta simbólica de bolboretas e entregarase un pequeno agasallo ás persoas alí presentes.
Exposición fotográfica
A partir da vindeira semana e durante todo o mes de marzo, a Praza do Concello acollerá a exposición fotográfica “Mulleres x Mulleres”, unha mostra que recolle as historias de vida de 12 mulleres barreirenses, poñendo en valor os seus logros e achegas. A iniciativa busca destacar o potencial das mulleres do pasado e do presente, ofrecendo referentes para as xeracións futuras. Unha vez finalice na praza, a exposición trasladarase aos centros educativos do municipio para achegar estas historias ao alumnado e que coñezan ás mulleres protagonistas.