Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros aspira a xestionar 700.000 euros en investimentos con subvencións tramitadas ante a Xunta

O Concello tramitou 11 expedientes de solicitudes de subvencións para investimentos, ademais doutros 8 para gastos correntes e persoal, para lograr fondos da administración galega

Barreiros, 27 de marzo de 2025. O Concello de Barreiros está á espera da resolución de 11 solicitudes de axudas realizadas á Xunta de Galicia para determinar parte dos investimentos que realizará neste ano. Durante estes tres meses, explica a alcaldesa, Ana Ermida, “preparamos e tramitamos máis dunha ducia de expedientes para conseguir financiación para poder realizar investimentos tan importantes como melloras no parque empresarial, o alumeado do paseo marítimo, a mellora da zona de parque e aparcamento nos Martices ou as escolas de Vilamartín Pequeno”.

Ademais destes investimentos, solicitados ao abeiro de convocatorias destinadas a parques empresariais, prevención de riscos ante o cambio climático, mellora de infraestruturas ou corrección de impactos paisaxísticos, tamén prevén mellorar a eficiencia enerxética do Centro Social de San Cosme, mediante o illamento e o cambio de luminarias; a adquisición de maquinaria para a limpeza viaria e espazos públicos, composteiros domésticos e contenedores para o punto limpo municipal e puntos limpos de proximidade fixos para colocar en núcleos de poboación.

Igualmente, solicitaron a mellora de varias vías de titularidade municipal en Benquerencia, Vilamartín Grande e Cabarcos; tanto individualmente, como xunto ao Concello de Trabada.

A totalidade dos investimentos previstos suma 676.532,01 euros, dos cales aspiran a obter 530.965,72 euros subvencionados; aportando os 145.566,29€ de diferencia con fondos propios municipais.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “para poder financiar determinados investimentos temos que concorrer a diversas liñas de axuda que, en moitos casos, se resolven por orde de chegada e sen aplicación de criterios que valoren as necesidades municipais específicas. Deste xeito, o traballo administrativo para obter financiación é inxente e ocupa grande parte dos esforzos municipais; quedando ademais sempre pendentes da resolución final das axudas para saber se é posible realizar os investimentos ou non”.

Neste sentido, a rexedora insiste na “necesidade de que a Xunta de Galicia dote aos Concellos de mecanismos de financiación obxectivos e que se coñezan con anterioridade e que permitan aos Concellos organizar os seus investimentos de xeito autónomo e atendendo ás prioridades e necesidades de cada municipio”.

Expedientes para funcionamento e contratación de persoal

Ademais das solicitudes de axuda para investimentos, o Concello de Barreiros tamén solicitou ata 8 subvencións, por un importe de máis de 188.000 euros para contratación de persoal e funcionamento de servizos.

Nestas liñas de axuda, inclúese o persoal de prevención e extinción de incendios, socorrismo e vixilancia nas praias ou peóns medioambientais.

En canto aos servizos nos que o Concello de Barreiros opta a financiación da Xunta están o servizo de biblioteca, actividades culturais ou campamentos de verán.

Exit mobile version