Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros acollerá o vindeiro 30 de marzo unha conferencia sobre os resultados da escavación en Santo Estevo do Ermo

Lugo, 23 de marzo de 2025. As Escolas Vellas de San Cosme de Barreiros (Anexo do edificio do Concello) acollerán o domingo 30 de marzo (19:00 horas) unha conferencia sobre os resultados do proxecto de escavación en Santo Estevo do Ermo, impulsada por Mariña Patrimonio, a Fundación Eira da Xoana e a Irmandade de Santo Estevo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.

O director da escavación Francisco Alonso Toucido encargarase deste acto divulgativo en que fará o balance das sondaxes e catas que realizaron o pasado mes de outubro, enfocadas en localizar os restos da igrexa e as cabanas das eremitas que fontes históricas escritas ubican neste lugar desde o século XII.

O deputado Daniel García, que visitou o xacemento nas últimas semanas xunto coa alcaldesa Ana Ermida, o concelleiro Dámaso Ratoeira e membros das asociacións que impulsaron o proxecto, destacou o interese de “deste acto público e aberto a toda a veciñanza para expoñer á veciñanza o resultado da escavación, e socializar tanto o novo coñecemento adquirido como o valor natural e patrimonial de Santo Estevo do Ermo” e adiantou que “desde a Vicepresidencia da Deputación se manterá o apoio aos traballos de estudo e divulgación que se fagan do xacemento”.

A escavación, que se realizou tras adquirir os terreos a persoas particulares a través dunha campaña de micromecenado, contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da colaboración anual que a área de Cultura mantén con Mariña Patrimonio para o seu funcionamento e actividades, de 6.000 euros.

Exit mobile version