Lugo, 20 de marzo de 2025. As Escolas Vellas de San Cosme de Barreiros (Anexo do edificio do Concello) acollerán o domingo 30 de marzo (19:00 horas) unha conferencia sobre os resultados do proxecto de escavación en Santo Estevo do Ermo, impulsada por Mariña Patrimonio, a Fundación Eira da Xoana e a Irmandade de Santo Estevo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.
O director da escavación Francisco Alonso Toucido encargarase deste acto divulgativo en que fará o balance das sondaxes e catas que realizaron o pasado mes de outubro, enfocadas en localizar os restos da igrexa e as cabanas das eremitas que fontes históricas escritas ubican neste lugar desde o século XII.
O deputado Daniel García, que visitou o xacemento nas últimas semanas xunto coa alcaldesa Ana Ermida, o concelleiro Dámaso Ratoeira e membros das asociacións que impulsaron o proxecto, destacou o interese de “deste acto público e aberto a toda a veciñanza para expoñer á veciñanza o resultado da escavación, e socializar tanto o novo coñecemento adquirido como o valor natural e patrimonial de Santo Estevo do Ermo” e adiantou que “desde a Vicepresidencia da Deputación se manterá o apoio aos traballos de estudo e divulgación que se fagan do xacemento”.
A escavación, que se realizou tras adquirir os terreos a persoas particulares a través dunha campaña de micromecenado, contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da colaboración anual que a área de Cultura mantén con Mariña Patrimonio para o seu funcionamento e actividades, de 6.000 euros.