A construción da EDAR en San Miguel, a conexión do polígono coa A74 ou as melloras nos areais de Barreiros foron temas sobre os que fixeron seguimento ambos gobernos
Dita reunión serviu para facer seguimento de temas de relevancia que o Concello de Barreiros ten en marcha coa implicación do Goberno do Estado.
A alcaldesa, Ana Ermida, sinalou que se repasou “o estado do compromiso adquirido polo Secretario de Estado a respecto da construción da EDAR en San Miguel por parte da empresa pública ACUAES e tamén as distintas obras de mellora nos areais barreirenses, tanto as xa realizadas como as que se prevén para este mesmo ano”.
Enlace da A74 co polígono industrial de Barreiros
Outra das cuestións que centrou o encontro foi a alegación presentada polo goberno municipal, e tamén polo sector empresarial do polígono barreirense, ao proxecto da A74; na que se solicita a execución dun acceso directo ao polígono industrial.
A rexedora manifestou a súa “satisfacción polo encontro, así como pola receptividade do delegado do Goberno coas preocupacións e as necesidades do noso Concello” amosando o agradecemento “non só por este encontro, senón polo compromiso amosado e a implicación facendo seguimento e impulsando a execución das propostas que se lle trasladan, traballando coordinada e conxuntamente na atención das demandas formuladas desde o Concello”.