Os populares inciden en que “non fixeron nada nestes sete anos de Goberno de Sánchez pola autovía A-74” e piden que, “polo menos, conserve en boas condicións a estrada nacional”
Ante as explicacións que formularon por escrito os representantes do PP lucense no Senado sobre a previsión do Goberno para corrixir a situación do asfalto nas variantes, con que características e en que prazos; o Executivo asegura na súa resposta que tras acometer obras de rehabilitación do firme entre o p.k. 26,950 e o p.k. 28,800 e do p.k. 36,500 ao p.k. 55,000 “o estado de conservación da N-642 é, en xeral, correcto”.
O senador popular mariñán acusa ao Goberno de Sánchez de “rirse dos veciños da Mariña porque dan a entender que está en perfectas condicións cando calquera veciño e veciña da comarca pode comprobar a diario o estado da vía e das variantes de Burela e Foz”.
O portavoz do PP en Foz, Javier Castiñeira, cre tamén que a resposta do Goberno é “un insulto á intelixencia dos focenses” porque dicir que “a estrada está en perfectas condicións é un dato absolutamente falso”.
O portavoz popular en Foz asegura que son moitas as queixas tanto de veciños como de usuarios ante “os centos de parches mal feitos: Xa non é que o digan todos os focenses, senón que o di todo o mundo que pasa por esta estrada” e son “miles os vehículos que pasan pola variante de Foz”.
“Fixéronse pequenas obras, pero non é suficiente”. E engade que “vimos dun inverno duro e a estrada presenta baches en formación. Imos cara ao verán que é unha época de máis tráfico, con máis turistas e a imaxe vai ser lamentable” á vista de que “o Goberno de Sánchez non ten intención de mellorar a variante”.
SEN AVANCES NA A-74
Balseiro incide en que “non só non fixeron nada nestes sete anos de Goberno de Sánchez pola autovía A-74, senón que son incapaces de conservar en boas condicións a estrada nacional” que vertebra a costa da Mariña e constitúe a principal vía de comunicación co hospital público, o porto de Burela ou a planta de aluminio de Alcoa.
O portavoz popular de Foz indica que “está claro que os socialistas seguen co abandono ás estradas da Mariña. Practicamente non hai avances na A-74 e, polo menos, pedimos que estea en boas condicións a N-642 que actualmente, ao seu paso por Foz, causa molestias a veciños e usuarios”.