Site icon Crónica3.com A Mariña

As mulleres da CIG sairon á rúa este 8M en Burela co lema “Traballo, Igualdade, Salarios dignos. Galiza con Dereitos”

Baixo o lema “Traballo, Igualdade, Salarios dignos. Galiza con Dereitos”, as mulleres da CIG estiveron na rúa para reivindicar, unha vez máis, o dereito á igualdade tamén no traballo

Burela, 8 de marzo, 2025. A CIG A Mariña convocou unha concentración ás 12:00 horas diante do concello de Burela.

Con esta mobilización “denunciamos que as discriminacións no só persisten senón que se están a agudizar: máis contratación precaria, infravaloración dos traballos feminizados, insuficientes permisos remunerados para a conciliación, maior dificultade para acadar unha pensión digna, carencias severas en servizos públicos para atención ás persoas dependentes, recortes en ensino e sanidade, etc”.

8 motivos para a Mobilización no 8M

Sobran os motivos para a Mobilización no Día da Muller Traballadora.

– E é que as mulleres traballadoras estamos a sufrir unha fenda salarial persistente ao longo dos anos, acadando un 18,4% no 2023.

– Máis da metade dos contratos fixos-descontinuos están subscritos por mulleres.

– Menos da metade das mulleres teñen contratos indefinidos a tempo completo.

– A porcentaxe de mulleres a tempo parcial con contrato indefinido non chega ao 20%das mulleres.

– A inmensa maioría dos contratos a xornada parcial foron asinados por mulleres obrigadas por non atopar un traballo a xornada completa ou ante a necesidade de atender persoas dependentes.

– Que os traballos feminizados sexan os que teñen salarios máis baixos demostran unha discriminación salarial que infravalora o traballo das mulleres.

– Os recortes dos servizos públicos afectan de modo máis lesivo ás mulleres, pois non dispor dun modelo público de asistencia social para o coidado de crianzas e maiores empúrranos fóra do mercado laboral.

– A carestía da vida, cunha suba inxustificada de bens de primeira necesidade, empobrece en maior medida ás mulleres, pola precariedade, temporalidade e diversas fendas de xénero que fan que as taxas de pobreza feminina acaden valores que fan difícil manter unha vida digna, mesmo para aquelas que teñen un traballo remunerado.

A Mobilización que hoxe tivo lugar en Burela mostra a demanda social para acadar a Igualdade nunha Galiza con dereitos.

Exit mobile version