Con empate no electrónico, Julio Delgado apostou polo xogo de cinco para buscar a vitoria, pero a aposta saíulle cruz ao conxunto mariñano
Burela, 29 de marzo, 2025. O Futsi Atlético Navalcarnero levou o Clásico de Vista Alegre (1-2) nun encontro de moita igualdade no que o Burela FS completou un bo partido e foi mesmo superior no primeiro tempo ao seu rival, pero só puido concretar unha das innumerables ocasións que creou durante os 40 minutos sobre o marco de Gadea, que supliu á perfección á internacional Marta Balbuena. No último minuto e medio, con empate a un tanto no electrónico, Julio Delgado decidiu arriscar con Cilene como porteira-xogadora e as madrileñas acabárono aproveitando marcando o tanto da vitoria a 39 segundos da conclusión coa portería burelista totalmente baleira.
O primeiro tempo foi de moita igualdade e as grandes protagonistas foron as porteiras de ambas escuadras. A posta de longo das mariñás foi mellor, acumulando máis presenza en cancha contraria e ocasións sobre o marco visitante. Débora inquietou por primeira vez a Gadea no minuto 4, nunha dobre ocasión que repeleu en ambas ocasións a meta. Respondería Anita Luján nunha acción individual que finalizaba cun disparo que desviaba Caridad e tomaría a remuda a meta navalcarnereña para despexar con apuros un intento de Dany, que o volvería a probar dous minutos máis tarde. Entremedias, Caridad volvía aparecer cunha boa man para evitar o tanto visitante nun disparo perigoso desde a distancia de Laura Córdoba.
Gadea, cun pé ante un lanzamento de Dinha, e Irene Córdoba, despexando unha falta perigosa botada por Antía Pérez, impedían que se adiantasen as mariñás. E xusto superado o ecuador da primeira entrega, de novo Débora dispoñía dunha gran oportunidade diante do marco rival. Baixaba un balón, virábase e quedaba soa ante Gadea, pero a gardamallas madrileña tapaba moi ben co seu corpo e facía o propio tras o rexeite, no segundo intento da portuguesa.
A segunda metade do primeiro período tivo menos ocasións en ambas porterías. No minuto 13 interviña Caridad para despexar un tiro de Anita Luján e no 14 Dinha concluía unha acción individual cun lanzamento que se ía rozando a cruceta esquerda da portería de Futsi. E xa nos dous últimos minutos chegaba a oportunidade máis clara para as visitantes, nun córner que terminaba cun tiro desde uns 10 metros de Laura Córdoba que tocaba o xusto Caridad para que pegase no traveseiro e non entrase na meta local.
Segundo período
O segundo tempo comezou con boas noticias para a escuadra local. Dany, no minuto 23, enganchaba un zapatazo que se coaba directo na escuadra esquerda da portería navalcarnereña, pero non lle duraría demasiado a alegría ao conxunto dirixido por Julio Delgado, xa que Laura Córdoba igualaba tres minutos máis tarde cun disparo desde fóra da área.
Non acusaron o golpe as laranxas, que un minuto despois do empate tiñan outra moi boa ocasión nun disparo de Antía Pérez no que metía unha man providencial Gadea. Posteriormente era Noelia Montoro a que perdoaba ante a meta contraria, nun gran balón filtrado por Dinha que deixaba soa á muleña, pero aparecía de novo Gadea, que faría o propio segundos máis tarde nun lanzamento de Dinha no que metía unha boa perna.
A piques de entrar no últimos cinco minutos de xogo, ambos equipos xeraban perigo de novo sobre o marco contrario. Primeiro era Laura Córdoba a que conducía un contragolpe para plantarse soa ante Caridad, pero respondía moi ben a de Sanlúcar no man a man tapando co seu corpo. Tras un tempo morto de Julio Delgado era Gadea a que repelía un disparo desde uns 12 metros de Noelia Montoro nunha acción de estratexia, sendo despois Dany a que estaba preto do tanto cun lanzamento cruzado desde a á dereita que se ía rozando o pau da meta madrileña.
Con menos de dous minutos por disputarse, Julio Delgado apostaba por Cilene de porteira-xogadora e xa dentro dos 60 segundos finais, Dany perdía un balón atacando de cinco e Laura Córdoba subía, co seu segundo tanto da mañá, o 1-2 ao electrónico cun lanzamento desde campo propio que se coaba na desguarnecida portería local. Buscaron o empate as mariñás nos últimos 39 segundos de xogo, pero só Cami era capaz de rematar xa case sobre a bucina un balón que taponaba Laura Córdoba para selar a vitoria de Futsi no Clásico.
Ficha Técnica Burela FS 1-2 Futsi Atlético Navalcarnero
Burela FS (1): Caridad; Cami, Dinha, Antía Pérez, Dany -quinteto inicial-, Patricia, Débora, Noelia Montoro, Cilene e Cris Lourés.
Futsi Atlético Navalcarnero (2): Gadea; Ari, María Sanz, Marian, Irene Córdoba -quinteto inicial-, Patri, Laura Córdoba, Anita Luján, Leti e Leninha.
Goles: 1-0, min. 23: Antía Pérez. 1-1, min. 26: Laura Córdoba. 1-2, min. 40: Laura Córdoba.
Árbitros: Crespo Pardo e Darriba Villamor (Galicia). Amoestaron á local Antía Pérez e á visitante Marian, así como ao técnico burelista, Julio Delgado.
Incidencias: Encontro da vixésimo cuarta xornada disputado no pavillón de Vista Alegre ante uns 900 espectadores.