Xove, 14 de marzo, 2025. O entroido que acabamos de deixar atrás foi moi especial para as nenas e nenos do colexio de infantil e primaria do municipio de Xove. O equipo docente, en colaboración co departamento de Investigación Social e Cultura do Concello de Xove, traballaron de maneira coordinada para que as xeracións máis novas coñeceran como se disfrazaban e divertían os seus devanceiros. Primeiro traballaron nas aulas coas figuras tradicionais do entroido de Xove: a madamita e o galán. Aprenderon que estes eran disfraces dos días importantes do entroido, sobre todo do martes de carnaval (aínda que tamén se daban no domingo de Lordeiro (o domingo previo ó martes de carnaval. O termo está adaptado á fala de Xove, recollido no dicionario do entroido de Galicia como domingo Lardeiro). Aprenderon o significado liberador e paródico do carnaval, e como ó igual que hoxe se caricaturizan ás figuras públicas, os nosos antecesores tamén parodiaban ás clases dominantes da época. Pois as madamitas e os galáns eran unha forma de ridiculización mediante a esaxeración dos elementos representativos dos luxos nas vestimentas dos ricos e influentes daquela época.
Cada curso traballou na elaboración dun complemento dos atavíos das madamitas e dos galáns: uns fabricaron os sombreiros, outros os colares, bolsos, e outros cortaron e pegaron adornos no resto da vestimenta. Unha vez rematado, todo o centro puxo en común a seu labor ata conformar os dous manequíns. Deste xeito, os nenos e nenas contemplaron con moita emoción como ían tomando forma as dúas figuras tradicionais do entroido de Xove nas que traballaron durante semanas: a madamita e o galán. Os manequíns permaneceron expostos no recibidor do centro durante todo o tempo que durou o entroido.
Os mandatos do meco para o colexio de Xove tamén estiveron relacionados tódolos días coa maquillaxe das madamitas e dos galáns.
O Concello de Xove, desde o seus departamentos de Investigación Social e Cultura, considera de gran interese a recuperación destes elementos do seu patrimonio cultural inmaterial, así como a súa incorporación ó ensino tanto formal como informal; máis aínda agora, que a Xunta acaba de declarar o Entroido como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial de Galicia.