Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias aborda co voceiro do PP na Fonsagrada o estado de proxectos da Xunta no municipio

Lugo, 12 de marzo de 2025. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, recibiu esta mañá ao voceiro do PP no Concello da Fonsagrada, Bernardo Niño, que se interesou polo estado de proxectos do Goberno autonómico no municipio.

Na reunión abordáronse, entre outros asuntos, actuacións previstas en materia de infraestruturas, como a construción dunha rotonda na intersección das estradas LU-530, LU-740 e LU-730 na entrada da localidade. Arias confirmoulle ao representante municipal que a Xunta dispón xa dun proxecto, que se licitará en próximas datas. O obxectivo desta intervención é mellorar a seguridade na intersección das citadas estradas autonómicas na Fonsagrada, que conta actualmente cunha disposición de glorieta partida.

Referíronse ademais a outros investimentos recentes do Goberno galego no municipio, como os preto de 108.000 euros destinados ao amparo do Plan Marco 2023-2024 da Consellería de Medio Rural e que permitiron acondicionar camiños rurais nos lugares de San Pedro do Río, Redrollán e Torviso, ou os máis de 50.000 euros para mellorar a cociña e o comedor do CEIP Santa María da localidade.

Exit mobile version