Site icon Crónica3.com A Mariña

Ameijide: “Tomé quere impoñer a política do medo, publicando listas de vetados na provincia e ameazando con sancións de ata 30.000€”

Os deputados populares explican que “entendendo a obriga do presidente da Deputación de facer valer a orde” a realidade é que “dubidamos de se é necesario facer listas públicas de negación de acceso”, así como ameazar a 32 veciños da provincia con sancións de entre 601 e 30.000€

Lugo, 18 de marzo de 2025. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo recolle hoxe a prohibición de acceso durante tres meses aos plenos da Deputación a 32 persoas, unha listaxe feita pública con nomes e apelidos sobre a que os deputados populares dubidan “da súa necesidade e legalidade”.

No Grupo Provincial Popular explican que “entendemos a función de José Tomé de facer prevalecer a orde durante os plenos provinciais” pero “preguntamos pola necesidade de publicar todos estes datos que, o único que amosan é que o goberno provincial está instalado nunha deriva ditatorial e de odio”.

Unha situación que se agrava coa ameaza de sancionar economicamente a estes 32 veciños da provincia con sancións de entre 601 e 30.000€.

Ante esta situación, os deputados populares instan a José Tomé a “cambiar de estratexia” e en lugar de “impoñer vetos e prohibicións, opte por dialogar e buscar consensos para evitar novas situacións de tensión provocadas polo equipo de goberno”.

Os deputados populares lamentan que Tomé “faga do medo a súa política para manterse no cargo”, algo para o que leva anos facendo listas de “bos e malos veciños ou concellos de primeira e de segunda” pero a realidade “é que hoxe deu o paso final ao publicar esta lista no BOP”.

Exit mobile version