Os deputados populares votan a favor do Plan Deputación a pesar de “non ser o plan que necesitan os concellos da provincia xa que precisa unha mellora nas súas bases e máis fondos” pero “votamos a favor por responsabilidade e porque é mellor ter un mal plan que non ter un plan de colaboración cos municipios”
Lugo, 25 de marzo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular votaron hoxe a favor do Plan Deputación para o ano 2025 “por responsabilidade e coherencia” xa que “a pesar de non ser o noso plan, é mellor contar cun Plan Deputación a non contar con ningún plan de colaboración cos concellos”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denunciou que con este Plan Deputación PSOE e BNG “poñen a dieta a máis da metade dos veciños da provincia” xa que a realidade é que o plan baixa os recursos a 32 concellos da provincia e conxélaos para case todos excepto 4.
Unha situación “totalmente inentendible” xa que “non se concibe que se baixen os recursos a tantos lucenses mentres aumenta o orzamento da Deputación nun 13% e a inflación sube nun 8%, o Plan Deputación so sube un 1%, o que significa que na práctica baixa o poder adquisitivo para todos”.
“PSOE e BNG someten aos concellos a unha dieta restritiva pero non a todos, algúns déixanlles saltala, porque hai catro nos que si aumenta a aportación”, en referencia a que Monforte, Lugo, Vilalba e Viveiro ven como aumenta a achega da Deputación.
Antonio Ameijide explica que esta situación vén dada xa que “José Tomé é o xefe de cociña do plan polo que decide que concellos poden picar entre horas, é dicir, quen se salta a dieta e ver como a achega da Deputación aumenta”.
O voceiro popular recorda a proposta realizada polo PP de aumentar os fondos do Plan Deputación en 10M€ para chegar así aos 30M€ en total, destinando a este fin os fondos que PSOE e BNG destinan cada venres en xunta de goberno a convenios con concellos gobernados unicamente por socialistas e nacionalistas.
“Destinar os cartos dos convenios ao Plan Deputación é a única forma de repartir dunha forma xusta, igualitaria e transparente os fondos provinciais”, afirmou.
Neste senso, Antonio Ameijide recorda como “a nosa proposta é posible realizala, o único que falta é vontade política por parte de PSOE e BNG” xa que non podemos esquecer que recibiron 20M€ dos tributos que os lucenses pagamos ao Estado e no pleno de hoxe aprobaron unha incorporación de 19,2M€ aos orzamentos deste ano froito da baixa execución de investimentos durante o 2024.
“Seguiremos a defender o incremento do Plan Deputación porque todos os cartos que destinan a convenios a dedo deben de destinarse a este plan para poder distribuílos de forma transparente e igualitaria” recordou Ameijide, sinalando que durante o pleno de hoxe “propuxemos a PSOE e BNG destinar ao Plan Deputación parte do suplemento de crédito que trouxeron a debate, pero unha vez máis negáronse”.
SUPLEMENTO DE CRÉDITO
Antonio Ameijide recordou que PSOE e BNG aprobaron unha modificación dos orzamentos de 2025, vía suplemento de crédito, “para poder seguir engordando os cartos que destinan aos convenios a dedo cos concellos amigos”.
Unha proposta para facer unha incorporación de crédito de 19.239.655€ dos que 7.220.000€ se destinarán a convenios a dedo, o 37,5% do total. “Destes 7.2M€, o PSOE resérvase 4M€ mentres que o BNG 3.220.000€, unha nova mostra da dedocracia que aplican socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo”, sinalou.
Antonio Ameijide insiste: “Eses 7.220.000€ deberían de destinarse ao Plan Deputación para poder repartilos de forma xusta e igualitaria entre todos os concellos da provincia e non só entre os que deciden PSOE e BNG”.