O goberno na Deputación de Lugo repetiu o último venres a súa política de “reparto a porta pechada de convenios a dedo” con Concellos gobernados por PSOE e BNG
Lugo, 31 de marzo de 2025. O portavoz do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, apunta unha vez máis a xestión “sectaria” do goberno de PSOE e BNG.
“Non é ningunha novidade que o goberno provincial reparte cada venres no seu buffet libre convenios a dedo para concellos da súa mesma cor política”. Pero, nesta ocasión, é aínda “máis censurable” porque “na mesma semana néganse a incrementar o Plan Deputación para beneficiar á totalidade dos concellos e veciños da provincia, pero despois aproban a porta pechada convenios con Concellos da súa mesma cor política para financiar actuacións que os Concellos podían incluír no Plan Deputación”.
É dicir, os Concellos afíns vén incrementada a súa parte do Plan Deputación pola porta de atrás, mentres que o resto de Concellos se teñen que conformar co Plan Deputación que perdeu poder adquisitivo e sen posibilidade de obter máis financiamento para obras ou servizos aos seus veciños e veciñas”.
“Un venres máis, nunha xunta de goberno a porta pechada, o goberno de PSOE e BNG escenificaron o buffet libre que teñen os concellos gobernados por PSOE e BNG mentres que a outra metade dos concellos da provincia se manteñen a dieta” porque “o Plan Deputación, o único mecanismo obxectivo de reparto de fondos da Deputación entre tódolos Concellos da provincia- perde poder adquisitivo cada ano”, explica Ameijide.
O portavoz popular censura que “mentres unha parte da provincia pode comer a dous carrillos, o resto só pode mirar sufrindo os problemas da falta de colaboración e financiamento por parte da Deputación de Lugo que cada vez ten máis recursos económicos -o orzamento increméntase coa suba dos impostos e o incremento do que percibe dos tributos do Estado-, pero cada vez tamén fai un uso más sectario dos mesmos gardando a parte máis grande do pastel para os seus”.
O último exemplo é a sinatura do enésimo convenio para a contratación de persoal para un concello afín ao bipartito provincial, destino ou partidas que poderían ser financiadas co Plan Deputación, pero PSOE e BNG deciden darlles aos seus afín fondos a maiores para que non teñan que empregar as partidas do plan de cooperación provincial, facendo todo o posible dende o bigoberno para xerar unha provincial de distintos dereitos
De feito, o pasado martes aprobaban en Pleno unha transferencia de 7,2 millóns de euros e o venres xa estaba repartindo parte dese diñeiro en convenios con Concellos gobernados por PSOE e BNG. O goberno de socialistas e nacionalistas está a facer un uso claramente sectario dos recursos da Deputación de Lugo discriminando aos veciños e veciñas da metade dos concellos da provincia.
PSOE E BNG DIN NON A UN REPARTO XUSTO
PSOE e BNG negáronse no Pleno do pasado martes a aceptar a proposta do Grupo do Partido Popular para incrementar neses 7,2M€ o Plan Deputación neste ano 2025. “Desta forma superaríanse progresivamente os 30M€, unha reivindicación que levamos moito tempo defendendo, para repartir de forma obxectiva entre tódolos Concellos da provincia para poder acometer obras e realizar outras accións en beneficio de tódolos veciños e veciñas da provincia sen ningún tipo de distinción”, conclúe Antonio Ameijide.