Viveiro, 14 de marzo de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, visitou este venres o curso de seguridade para a frota do Gran Sol que está a impartir a Confraría de Celeiro, grazas á liña de axudas habilitada pola Administración autonómica para formar ao sector pesqueiro, co fin de facelo más competitivo e rendible dende o punto de vista económico e medioambiental. En total, segundo expuxo Villares, a Consellería inviste en 2025 en materia formativa 12,3 millóns de euros, cofinanciados nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) e o 30% pola Consellería do Mar.
No curso, que dispón de 320 horas de formación, os alumnos adquiren coñecementos relacionados co traballo que desenvolven, e que versan sobre a seguinte temática: nocións de navegación; medidas de prevención en condicións meteorolóxicas adversas; precaucións en manobra para a posta á boia de botes de rescate ou embarcacións de supervivencia, así como na estiba; carga e descarga en artes de pesca e capturas; prevención e loita contra incendios; actuacións en casos de abordaxe, abandono do buque, salvamento de persoas dun barco en perigo ou naufragado; coñecementos de primeiros auxilios; operacións de servizos de achique e baldeo; ou riscos que se poden presentar no manexo de maquinaria a bordo.
Impulso do sector a través da formación
A Consellería do Mar conta con centros formativos en Vigo, Vilanova de Arousa (Igafa), Ribeira e Ferrol, nos que se imparten os Ciclos Superiores de Pesca de Altura e de Máquinas; e os Medios de Pesca de Litoral, de Máquinas, Técnico en Acuicultura, Cultivos Acuícolas, Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas. En 2025 está previsto que ditas instalacións acollan 126 cursos. No caso dos impartidos polas Confrarías, as accións ascenden a 97 en total. Son as seguintes: Mariñeiro-Pescador (pósito de Porto do Son), Programa Avanzado en Liderado e Habilidades Directivas e Como Elaborar un Plan de Empresa Cooperativa (Confraría de Barallobre), Patrón Costeiro Polivalente-Ponte e de Máquinas (pósito de Burela), Inglés Técnico Marítimo (OPP de Lugo); Manipulador de Alimentos (Orpagu) e Formación Básica (Arvi).