O papel decisivo que teñen no sector tamén se demostra a nivel gobernamental, pois o 77% do equipo directivo da propia Consellería está ocupado por mulleres
O titular de Mar puxo o foco no elevado peso que as traballadoras teñen no pasado, presente e futuro da actividade vinculada a pesca durante o II Certame Artístico “Mujeres del mar, inspiradoras de arte”, organizado pola Organización de Produtores de Pesca de Marín (Opromar).
Dende hai cinco anos armadores marinenses poñen en marcha diferentes iniciativas destinadas a este fin. En 2025 impulsan a segunda edición deste certame que converte á Alameda marinense nun gran obradoiro de pintura ao aire libre, onde unha vintena de artistas plasman nos seus lenzos a esencia e a fortaleza das mulleres do mar. A madriña do evento é Eva Casais, cuxa traxectoria se caracteriza por un forte compromiso co feminismo e a xustiza social. Así, a través da súa obra, aborda cuestións de desigualdade e reivindicación de dereitos, participando en numerosas iniciativas artísticas con impacto social.
As creacións realizadas, e visitadas hoxe por Alfonso Villares forman parte da exposición que abriu as súas portas o pasado día 8, coincidindo co Día Internacional da Muller, no museo Manuel Torres de Marín.
Máis de 30 empresas
Opromar aglutina a máis de 30 empresas pesqueiras con buques especializados nas modalidades do arrastre, palangre e cerco, que faenan nos caladoiros do Cantábrico Noroeste, Portugal, terceiros países ao abeiro de acordos internacionais de pesca, Atlántico Norte, Atlántico Sur, Índico, Pacífico Oeste e Pacífico Leste. As especies obxectivo dos arrastreiros son a pescada negra, o lirio, o xurelo e a xarda. No caso dos palangreiros, o peixe espada e a quenlla. Pola súa banda, os cerqueiros e palangreiros de fondo dedícanse preferentemente á sardiña, á anchoa, á xarda e ao xurelo.