Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro con representantes do padroado da Fundación para la Pesca y el Marisqueo (Fundamar) para abordar os proxectos en marcha pola entidade e estudar vías de colaboración co Goberno galego. O responsable autonómico destacou o traballo que realizada esta entidade a prol do desenvolvemento sustentable, no impulso da innovación ou no fomento da cultura preventiva como factor esencial na mellora da calidade de vida dos profesionais e na propia competitividade da cadea mar-industria.
O titular de Mar, acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, coñeceu polo miúdo as iniciativas nas que traballa actualmente esta fundación. Así, desenvolve a súas accións no marco de catro liñas de actuación: a seguridade e saúde laboral, a innovación social e igualdade, a promoción e formación así como a sustentabilidade. Esta organización está integrada pola patronal ARVI e os sindicatos UGT e CC.OO, sendo a primeira do sector marítimo pesqueiro que conta con representación paritaria de empresarios e traballadores.