Site icon Crónica3.com A Mariña

Alba Díaz Geada analiza este venres en Foz a historia da Mariña rural durante os anos do franquismo

Foz, 18 de marzo, 2025. A asociación cultural A Pomba do Arco organiza este venres 21 de marzo ás 20:30 na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz unha palestra de Alba Díaz Geada sobre as mudanzas históricas na Mariña e na Galiza na segunda metade do século XX.

Alba Díaz Geada, profesora de historia na Universidade de Santiago de Compostela e veciña de Nois, no concello de Foz, vén de publicar un libro titulado Unha historia pequena da Galiza rural (1939-1982) onde analiza os cambios no rural galego, con referencias ao acontecido na Mariña e en Foz.

O traballo analiza mudanzas da vida rural na Galiza durante a ditadura franquista e o proceso de cambio de réxime político. O volume Recolle experiencias de represión, de desigualdade e de loita e sitúa a súa comprensión nun cadro específico de relacións sociais. Estratexias de sobrevivencia e de solidariedade son significadas nun contexto que exixe a forza de traballo campesiño continuar a ser para deixar de ser.

Alba Díaz achegará na súa palestra dados e análises para entender os cambios producidos na Mariña, nunha perspectiva estrutural e supraestrutural. Neste contexto, analiza como a tradicional vida labrega foi esmorecendo no conxunto do rural da comarca, que protagonizou algúns fitos de resistencia e mobilizacións relevantes.

A historiadora explicará o proceso de organización dos labregos da Mariña nos anos finais do franquismo e nos primeiros da Transición contra a cota empresarial ou as protestas desenvolvidas contra a central nuclear de Xove entre 1975 e 1979. Neste sentido, destacaron as grandes manifestacións de 1977 e 1979.

A investigación de Díaz sitúase na esfera da historia social, neste sentido aborda o proceso de mudanzas operada nesta variábel. Unha parte da mesma elaborouse recollendo testemuños orais en diversas localidades da Mariña, dos que dará conta na palestra.

Exit mobile version