Para ADEGA, esta manobra do goberno de Alfonso Rueda vulnera claramente a normativa comunitaria en materia de protección dos hábitats, así como o principio de non regresión en materia ambiental. Segundo expuxo Fernando de Abel, este principio foi adoptado polos estados membros no marco da Unión Europea para evitar que os gobernos puidesen dar pasos atrás nos mínimos legais xa alcanzados para a preservación da biodiversidade, aos efectos de garantir o dereito a vivir nun ambiente san e ecoloxicamente equilibrado, e nun contexto de crise climática. A retirada da área previsiblemente afectada pola fatoría de Altri e Greenalia do mapa da Infraestrutura Verde de Galiza supón, polo tanto, un feito evidente de incumprimento do principio de non regresión ambiental por parte da Xunta, ao dar marcha atrás no recoñecemento da presenza constatada de valores ambientais de extremado interese para a UE na área de implantación do proxecto Greenfiber
A desprotección do territorio galego, unha constante no goberno do PP na Xunta
A desaparición ou rebaixa das propostas de protección ambiental do territorio galego é unha constante no goberno do PP na Xunta. Dende a chegada de Feijóo á presidencia en 2009, o proceso de ampliación da Rede Natura 2000 galega reclamado reiteradamente pola Comisión Europea, que mesmo chegou a abrir un procedemento de infracción, ficou primeiro paralizado, logo recortado e finalmente retirado. Para o caso do territorio onde se pretende instalar a factoría de Altri, este xa figuraba incluído na proposta de ampliación do LIC do Careón presentado polo bipartito en 2008 e cuxa tramitación foi paralizada por Feijóo en 2009. Xa en 2011 a Xunta tramitou unha nova ampliación da RN2000, sensiblemente inferior á de 2008, mais que mantiña para o LIC do Careón no territorio pretendido agora por Altri, a mesma protección que en 2008. Sorprendentemente, en 2020 coñecemos a través do Ministerio que a Xunta retirou a proposta de ampliación xa presentada para “recompilar a información de base para a elaboración dunha nova proposta de declaración de novos lugares de importancia comunitaria (LIC) ou ampliación dos existentes”. Como resultado desta estratexia de abandono e derrubo, arestora a superficie protexida de Galiza segue no mesmo 12% (á cola do Estado) que cando se aprobou a Rede Natura en 2004. Asistimos pois a 21 anos de parálise, incumprimentos e deconstrución de facto da protección do territorio a través de leis de fomento industrial, de simplificación administrativa ou de recortes coados nas leis de acompañamento.
O secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, indicou que o mesmo aconteceu coas especies protexidas. Dos escasos 200 taxóns incluidos no do Catálogo Galego de Especies Amezadas aprobado durante o bipartito, seguen a ser unicamente 4 as especies que contan coas ferramentas de xestión aprobadas e en vigor, malia a térense licitado, redactado e pagado unha vintena de asistencias técnicas para máis de 50 especies do CGEA, que a día de hoxe dormen nun caixón sen ser aprobadas. No territorio pretendido pola factoría de Altri, e con respecto aos taxóns ameazados e mesmo endemismos en perigo crítico alí presentes, a Xunta gastou de 2007 a 2023 case 300.000€ na redacción dos planos de conservación e recuperación desas especies que, de telos trasladado ao DOG, impedirían hoxe a instalación da celulosa.
O último episodio desta estratexia de desleixo e demoucado legal da Xunta para coa nosa natureza é a desaparición da protección proposta para a zona de implantación de Altri na recentemente aprobada Estratexia galega de infraestrutura verde. Esta Estratexia pretende trasladar a obriga europea de asegurar a conectividade ecolóxica e a funcionalidade dos ecosistemas, a mitigación e adaptación do efectos do cambio climático e a restauración das áreas degradadas, para manter os servizos que os ecosistemas naturais prestan á sociedade. Para a zona do Careón na que se pretende implantar Altri, no documento que a Xunta expuxo ao público outorgáballe a consideración de “zona de amortecemento”. Ditas zonas, na perifería dos espazos naturais protexidos, están conformadas por hábitats prioritarios e especies incluídas nos Catálogos de Especies Ameazadas. Sorprendentemente e para o territorio afectado por Altri, esta consideración desapareceu da Estratexia aprobada finalmente pola Xunta e publicada no DOG nº 27 do pasado 10 de febreiro.
Malia esta nova e burda manobra, os valores naturais deste espazo, recoñecidos nas memorias das propostas de ampliación da RN2000, na documentación técnica das especies protexidas e en numerosos traballos científicos, non mudaron e non poden ser ignorados pola Xunta. O unico que mudou foi a intención da administración de protexer este espazo na súa teima por apoiar o proxecto de Altri fronte a toda obriga legal e coñecemento científico.
Un senfín de motivos para mobilizarse o 22 de marzo
Os membros de ADEGA advertiron á Xunta que “non lle vai pasar unha” referíndose ao incumprimento da normativa vixente co obxecto de favorecer a instalación da macrocelulosa de Altri e Greenfiber. Tamén aproveitaron a súa comparecencia ante os medios para facer un chamamento a toda a sociedade galega para que participe na mobilización do vindeiro 22 de marzo, que convoca a Plataforma na Defensa da Ría de Arousa (PDRA), co apoio da Plataforma Ulloa Viva e da Plataforma Mina Touro-O Pino Non, con motivo do Día Internacional da Auga e baixo o lema “Na defensa do noso mar e da nosa terra”. Esta marcha, que se celebrará por terra e por mar, conxuga as principais loitas que actualmente se están a perpetrar no país na defensa do río Ulla e da ría de Arousa, polo que pretende ser unha mobilización de protesta social masiva.