Ribadeo, 31 de marzo de 2025. Acisa fai un balance moi positivo das xornadas gastronómicas do peixe espada de Burela, que se celebraron a pasada fin de semana, de venres a domingo.
Na cita participaron 15 locais hostaleiros que ofreceron tapas, racións e pratos elaborados con peixe espada, “que lle permitiron á veciñanza e aos visitantes coñecer e saborear unha especie pouco coñecida en Ribadeo. Polo que nos contan e polo que puidemos ver durante a fin de semana as propostas gustaron moito. Houbo salpicóns, caldeiradas, marmitakos, empanadas… unha morea de propostas que dinamizaron a hostalería de Ribadeo do 28 ao 30 de marzo”, explicou Carmen Cruzado, a presidenta de Acisa.
Ata Ribadeo se achegou na xornada de onte, domingo, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que puido saborear propostas elaboradas por algúns dos quince locais participantes. Xunto a el estiveron a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Perez, o alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo.
Pérez Prada declarou: “desde Acisa agradecémoslle ao conselleiro a súa visita e á OPP-7 Porto de Burela o seu apoio. Estas foron as terceiras xornadas nas que contamos con peixe de Burela doado por esta organización de produtores pesqueiros”.
Cruzado Iglesias engadiu: “a xente quedou moi contenta. Hostaleiros e clientes xa nos están a pedir que repitamos esta e outras iniciativas similares”.