A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “con esta campaña o Ribadeo FC pretende recadar fondos para a súa entidade e Acisa premiar aos gañadores do sorteo con vales de compra para poder usar no comercio e na hostalaría asociados. Para participar é necesario comprar algunha das rifas que dende o Ribadeo FC poñerán á venda esta semana, tras a celebración do Antroido. É importante destacar que os ingresos producidos pola venda das rifas son integra e exclusivamente para o Ribadeo FC. O prezo é de 2 euros. As editadas están numeradas do 1 ao 5.000. Queda reservado á organización o dereito de ampliar o número de rifas editadas para a realización do sorteo en caso de que as ventas sexan exitosas. As rifas poderán mercarse ata o 11 de maio”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “as rifas que se poñen á venda estarán formadas por dúas partes, que deben conservarse ata os días dos sorteos. Unha parte estará sinalada como parte a depositar na urna e outra como parte a conservar. Durante o partido do Ribadeo FC contra o Sofán, na ultima xornada de liga, no estadio municipal Pepe Barrera as persoas que teñan rifas para o sorteo poderán depositalas na urna instalada alí mesmo. E deberán gardar a parte a conservar para poder participar e comprobar se foron agraciados. Do mesmo xeito deberán conservar esa metade para saber se resultaron agraciados cos premios non presenciais”.
E engadiu que “a cantidade total de premios que se sortea é de 800 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo, 500 euros aportados directamente por Acisa e 300 polo Ribadeo FC, repartidos da seguinte forma: un premio presencial de 300 euros en vales de compra, que se sorteará no Pepe Barrera a última xornada de liga. E cinco premios non presenciais que se sortearán o 20 de maio. Trátase dun premio de 200 euros en vales de compra de Acisa, un premio de 150 euros en vales de compra de Acisa e 3 premios de 50 euros cada un en vales de compra de Acisa. Este sorteo celebrarase a porta pechada nas nosas oficinas mediante un sistema de xeración de números aleatorios”.
Cruzado Iglesias subliñou que “os premios poderán ser reclamados ata o 23 de maio. De non ser reclamado algún deles volveranse a sortear o luns 26 de maio cun prazo para ser reclamados ata o 30 de maio. De non aparecer algún dos números agraciados nalgún dos premios considerarase definitivamente deserto ese número. Tras os sorteos, o Ribadeo FC e Acisa daremos a debida información en redes sociais, na nosa web e nos medios de comunicación. O sorteo realizarase entre os números finalmente producidos o ultimo dia da campaña”.
A presidenta de Acisa agarda que “esta campaña sexa positiva para o Ribadeo FC, que é o beneficiario da mesma. Levamos varios anos colaborando co club de fútbol local, así como con outras entidades deportivas ribadenses e con eventos que traen á nosa vila a milleiros de persoas e nesta liña quere seguir a directiva de Acisa para conseguir a plena dinamización do comercio e da hostalaría local ao longo de todo o ano, e tamén para os negocios asociados ao noso colectivo, onde se gastarán os vales premiados”.
O presidente do Ribadeo FC, Valentín Coto, agradeceu a colaboración de Acisa co club e dixo que “queremos hacer una gran fiesta en el último partido de liga con este sorteo”.
Na presentación da campaña participaron o presidente e o secretario do Ribadeo FC, Valentín Coto e Moncho López e a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.