O prazo de solicitude estará aberto ata o 4 de abril incluído
Lugo, 24 de marzo de 2025. Desde hoxe luns – 24 de marzo – está aberto o prazo de solicitude das bolsas para deportistas de modalidades individuais convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A área de Deportes incrementou nun 50 por cento o investimento nesta liña de apoio ao deporte, que pasa dos 100.000 € aos 150.000 €, e que distribuirá un total de 338 premios – 108 máis que na última anualidade – entre deportistas con residencia na provincia, que teñen acadado, como mínimo, un podio nun campionato provincial ao longo de 2024.
O incremento da dotación orzamentaria amplía a cobertura destas achegas que teñen como obxectivo fomentar a participación de deportistas de modalidades individuais en competicións, contribuíndo a financiar os gastos asociados a esa actividade. As bolsas oscilan entre os 300 e os 2500 euros, en función dos resultados deportivos acreditados.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro sinalou que “este ano damos un novo impulso a esta liña de apoio ao deporte, cun incremento de 50.000 euros, que permitirá seguir ampliando a súa cobertura. Nos últimos anos, incrementáronse de forma moi notable a demanda destas bolsas e tamén o nivel competitivo con deportistas lucenses, con excelentes resultados nas súas participacións en probas tanto de nivel galego como estatal”.
O responsábel provincial explicou que “a convocatoria trata de responder sobre todo ás necesidades de deportistas en etapas de iniciación, e polo tanto de colaborar nuns gastos que atenden fundamentalmente as familias, desde licenzas ou inscricións en competicións ata transporte ou o material deportivo”.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de abril. As bases e modelos de solicitude están dispoñibles na web deputacionlugo.gal, no apartado de Deportes https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/deportes/axudas/vixentes/deportistas2025