Foz, 26 de marzo de 2025. Acaba de abrirse na Plataforma de Contratación do Estado o prazo de presentación de ofertas para a concesión del servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do concello de Foz, por 29.013.066,19 euros. O período para que as empresas presenten as súas propostas remata o día 24 de abril.
O alcalde, Fran Cajoto, destaca que o contrato de concesión do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do concello de Foz “é o máis importante, por volume e necesidade, que imos levar a cabo nesta lexislatura e que se tramitou nunca no Concello de Foz. Son algo máis de 29 millóns de euros e 15 anos de xestión sen posibilidade de prórroga. As novidades máis destacables serán o mantemento preventivo que imos poder facer na rede de saneamento -ata o de agora dependía do persoal de obras municipal- , a xestión completa do sistema de depuración -incluíndo bombeos e as fosas de Santa Cilla, San Martiño e Santo Acisclo, que ata o de agora non estaban incluídas- e os investimentos que se van facer no inicio e durante o novo contrato”.
O rexedor municipal explica tamén que “as empresas que se presenten ao concurso poderán ofertar para obter máis puntuación a realización dun investimento de 500.000 euros para a renovación da condución xeral de abastecemento entre os depósitos de Fazouro e Pico do Castro. Ademais están obrigadas a aportar un canon inicial de 1,1 millóns de euros para o ciclo integral da auga e a mellorar as plantas potabilizadoras de Cordido e Fazouro. A adxudicataria estará obrigada a mellorar a captación e o sistema de filtrado en Cordido, con 100.000 euros, e a executar unha renovación integral da potabilizadora de Fazouro, cunha inversión de 1,1 millóns de euros. O obxectivo é substituír completamente o sistema de decantación, mellorar reactivos e dispoñer un pre-tratamento con ozono para evitar que se volvan repetir os problemas do verán do ano 2023 coa formación de trihalometanos por encima dos niveis permitidos por exceso de materia orgánica. Imos dispoñer ademais dunha partida anual de 58.000 euros, que poderá verse incrementada coas ofertas para investir na mellora da rede, que presenta roturas e problemas en zonas do casco urbano e das parroquias. O investimento que se contempla no contrato é por tanto de algo máis de 3,67 millóns de euros, en actuacións moitas delas xa definidas e moi necesarias para un bo funcionamento de toda a rede. Queremos dispoñer de auga da máxima calidade nas nosas billas e coidar a nosa ría e o noso mar, devolvendo un caudal completamente depurado ao medio”, remata Fran Cajoto.