Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita a obra dunha glorieta na Fonsagrada na intersección das estradas autonómicas LU-530, LU-740 e LU-730

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se prevé un investimento de máis de 223.000 euros

Lugo, 26 de marzo de 2025. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publica hoxe a licitación do contrato para a construción dunha glorieta na intersección existente entre as estradas autonómicas LU-530, LU-740 e LU-730 na Fonsagrada. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o orzamento de licitación supera os 223.000 euros e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 21 de abril para presentar ofertas.

Arias indicou que esta medida ordenará os fluxos circulatorios no acceso principal á zona urbana desde Lugo, onde conflúen a avenida de Galicia (travesía da LU-530), a rúa Maior (LU-730) e a LU-740, que se afasta do núcleo cara a Vilardíaz. Ao respecto, subliñou que tamén servirá como elemento redutor da velocidade e para mellorar a estética deste punto de entrada á localidade, na traza do Camiño Primitivo.

O prazo de execución previsto para as obras é de seis meses. 0 cruce actual ten unha tipoloxía de glorieta partida e os xiros realízanse de forma semidirecta, con espera fóra dos carrís da vía prioritaria, a LU-530, e con outros condicionantes como a existencia dunha estación de servizo, garaxes e outra intersección próxima fronte a un hotel.

A solución proposta consiste nunha glorieta cun diámetro exterior de 30 metros, de carril único, con beiravías e con entradas e saídas dun carril. A parte interior do illote central será axardinada, con céspede artificial co fin de facilitar os labores de mantemento; habilítase un espazo de parada fronte ao hotel con acceso directo á rotonda. Compleméntase cunha vía de servizo que dá acceso ás vivendas existentes na marxe Este da LU-730, onde se acondicionará un aparcamento de cinco prazas, unha delas reservada para persoas de baixa mobilidade.

Para reforzar a iluminación disporase no centro da glorieta unha columna cilíndrica de 12 metros de altura, de aceiro inoxidable, equipada con catro proxectores rectangulares con luminarias de tecnoloxía LED, con posibilidade de inclinación variable. Na beirarrúa Este, coincidindo coa zona de aparcamentos e vía de servizo, instalarase un novo báculo tamén con luminaria LED.

Exit mobile version