Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste 2,1 M€ en 50 cursos para persoas desempregadas que se imparten na Mariña

O delegado territorial, Javier Arias, explica que as accións AFD céntranse nas especialidades máis demandadas polas empresas

Mondoñedo, 11 de marzo de 2025. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste 2,1 millóns de euros en 50 cursos dirixidos a persoas desempregadas que se imparten na Mariña, centrados en especialidades con demanda de profesionais.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que se enmarcan na orde de axudas para impartir accións formativas AFD no período 2024-2025. No conxunto da provincia ofrécense 267 actividades con 5.100 prazas.

Arias visitou en Mondoñedo a academia Emergal Ensino, adxudicataria de varios cursos sobre distintas materias, como tanatopraxia, transporte sanitario, atención a persoas dependentes en institucións sociais ou atención sanitaria a vítimas de catástrofes, entre outros.

As accións AFD están promovidas por entidades profesionais, colectivos sen ánimo de lucro, centros de formación, empresas e administracións locais galegas.

No que respecta á Mariña, na última convocatoria concedéronse a cinco centros de ensino, ao Concello de Burela e á Cruz Vermella. As áreas de aprendizaxe son moi diversas. Destacan as relacionadas coa atención sociosanitaria e tamén abranguen os ramos da hostalería, a soldadura, a xestión administrativa e contable, o comercio, as actividades de ocio e tempo libre, así como o transporte e distribución, entre outros. Tamén se imparten clases para mellorar as competencias básicas en matemáticas, así como en comunicación en lingua galega e castelá.

Para optar a estes apoios deuse prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas galegas. As áreas formativas considéranse mesmo por bisbarra e, ademais de estar coordinadas co tecido produtivo galego, contan cun estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo da Consellería.

Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran por persoas sen emprego.

Exit mobile version