Lugo, 4 de marzo de 2025. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, avanzou que está previsto que entre en funcionamento este mes a nova torre de comunicación que instalou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en Fórnea para mellorar a cobertura móbil en Trabada. Arias mantivo unha xuntanza co portavoz do PP no concello, José María Fernández, que se interesou por esta e outras iniciativas que desenvolve o Goberno galego no municipio.
O delegado lembrou algunhas das actuacións impulsadas nos últimos meses desde distintos departamentos autonómicos, como a mellora do firme da estrada LU-132 no núcleo urbano, á que se destinaron 91.000 euros, ou as axudas para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo e para cubrir o parque infantil, que sumaron case 96.000 euros. Tamén se investiron 55.000 euros no acondicionamento da vía de acceso aos núcleos de A Trapa e A Órrea a través do Plan Marco.
Igualmente, subliñou que a Xunta financia con máis de 230.000 euros o Servizo de Axuda no Fogar, e con máis de 46.000 euros os servizos sociais comunitarios a través do Plan Concertado.