O centro ribadense, adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, programou para o vindeiro día 4 de abril un seminario sobre oportunidades de negocio en relación coa produción e comercialización das fabas de calidade
Ribadeo, 24 de marzo de 2025. O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, acollerá o vindeiro día 4 de abril, venres, unhas xornadas informativas sobre oportunidades de negocio en relación coa produción e comercialización das fabas de calidade.
Esta iniciativa está promovida pola Xunta en colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e forma parte das accións de formación e I+D+i postas en marcha a prol da Faba de Lourenzá. A actividade enmárcase ademais no programa de actuación 2025 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
Os obxectivos do ciclo formativo no que se integra esta xornada pasan por explicar as vantaxes e oportunidades do emprendemento cooperativo, especialmente en cooperativas agrarias, de explotación comunitaria e de traballo asociado; promover o coñecemento de novas producións agrarias e gandeiras en ámbitos agroalimentarios de interese crecente en Galicia como oportunidades de negocio; impulsar a xeración de emprego cooperativo nos procesos de produción agraria e/o gandeira e fomentar a fixación de poboación no rural na contorna das cooperativas.
Programa
O programa desta acción en particular centrarase en diferentes aspectos. En primeiro lugar, no cultivo das fabas de calidade, abordando cuestións como as características agroclimáticas, manexo de chan e preparación de terreo, ciclo de cultivo e técnicas de sementa, fertilización e rega (boas prácticas para optimizar a produción).
En segundo termo, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, explicará o apoio a este tipo de iniciativas de emprego en economía social por parte da Xunta. A seguir, tratarase a selección de sementes para a produción de fabas de calidade e a sanidade da semente de Faba de Lourenzá.
O programa complétase con relatorios acerca do cambio climático e as pragas e enfermidades na selección de sementes de faba, a calidade e certificación deste produto de calidade e a comercialización e as tendencias de mercado, con especial atención á xestión cooperativa.
As persoas interesadas en participar nesta xornada deberán tramitar a súa inscrición (gratuíta) a través da web www.agaca.coop, podendo asistir a ela de xeito presencial no devandito centro Pedro Murias ou ben seguir as intervencións on line.
Medidas a prol da Faba de Lourenzá
Esta acción forma parte do paquete de medidas posto en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar o cultivo de Faba de Lourenzá, que inclúe, entre outras actuacións, axudas directas, de carácter excepcional, para os produtores inscritos nesta Indicación Xeográfica Protexida (IXP).
Tamén, un instrumento financeiro para dotar de liquidez aos agricultores e gandeiros galegos en xeral e de modo específico aos fabeiros, co fin de que poidan facer fronte á sementeira. Ao tempo, con estas actividades de formación e divulgación búscase converter o Pedro Murias nun centro de referencia, de forma que funcione, tamén, como punto de realización de campos de ensaio.