Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informa dos seus dereitos aos consumidores con varios actos e charlas na provincia

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe o ‘stand’ instalado na rúa Quiroga Ballesteros de Lugo dentro das actividades programadas polo Día das Persoas Consumidoras, que inclúen accións divulgativas en colexios e institutos

Lugo, 15 de marzo de 2025. A Xunta conmemora o Día Mundial das Persoas Consumidoras con varios actos e charlas na provincia para dar a coñecer á cidadanía os seus dereitos nesta materia.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou o punto de información instalado na rúa Quiroga Ballesteros de Lugo, no que se repartiu material divulgativo sobre as ferramentas que ofrece a Administración galega para asesorar, acompañar e, en último caso, axudarlles aos particulares a restituír os seus dereitos.

Entre estes recursos figura o teléfono de balde 900 23 11 23 e as oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia situadas nas sete principais cidades galegas.

A programación continuará durante os próximos días con actividades formativas en colexios e institutos da provincia. As datas e centros previstos son o CEIP Celso Currás de Foz, o 21 de marzo; o IES Perdouro de Burela, o 24 de marzo; o IES Gregorio Fernández de Sarria, o 25 de marzo; e o CEIP Virxe da Luz de Portomarín, o 26 de marzo.

Exit mobile version