Xove, 8 de marzo de 2024. A campaña GALICIA SABE AMAR continúa a súa viaxe por toda a xeografía galega recalando en moitos dos eventos deportivos que acollen a comunidade. Así aconteceu este sábado onde unha das foodtrucks desta iniciativa da Xunta de Galicia estivo presente no pavillón municipal de Xove con motivo do encontro da segunda división B da Liga de Fútbol Sala que enfrontou ao equipo local contra o Noia Portus Apostoli FS B. Alí estivo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que resaltou os múltiples beneficios do consumo de produtos pesqueiros para a saúde e o benestar da cidadanía grazas a unha propiedades nutritivas, avaladas pola ciencia, que permiten prever doenzas como as cardiovasculares ou desordenes inflamatorios, entre outros.
Nesta liña, explicou que esta acción impulsada polo Goberno galego ten entre os seus obxectivos o incidir en que a presenza do peixe e marisco no marco dunha dieta equilibrada xunto a práctica deportiva son dous piares fundamentais dunha vida saudable. Nun contexto de descenso do consumo, resaltou a importancia de achegar estas mensaxes ao conxunto da poboación, especialmente á xente máis nova. Ademais, sinalou que estes alimentos, no caso de Galicia, son sinónimo de excelencia cun sabor e calidade únicos froito do traballo diario dun sector que é estratéxico para a comunidade do que dependen ao redor de 50.000 empregos e que representa preto do 5% do PIB autonómico.