O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado de alcalde de Abadín, José María López, visitou este espazo
Abadín, 20 de marzo de 2025. O Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio, José María López, visitou as obras da futura residencia de maiores municipal de Abadín. Un proxecto ao que a Xunta de Galicia destina 1,2 millóns de euros á construción dunha residencia municipal de maiores en Abadín.
As obras céntranse na rehabilitación e ampliación do edificio do antigo do colexio infantil deste concello, actualmente en desuso, para convertelo nun centro residencial que contará con 44 prazas repartidas nunha vintena de habitacións, dúas plantas de uso e unha construción anexa conectada ao inmoble principal. Neste caso, a Xunta financia a máxima contía posible do total de 2,3 millóns de euros que suporán os traballos.
Esta actuación desenvólvese no marco do Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia uns 20 proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e que está orientado, principalmente, a dotar ás zonas rurais de novos recursos de atención a maiores.
Durante a visita, Perfecto Rodríguez destacou o impulso histórico que supón este Plan, tanto na mellora de instalacións, como na creación de 500 novas prazas públicas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna.