Lugo, 17 de marzo de 2025. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe unha reunión de traballo para concretar o apoio do Goberno galego á nova edición da Moexmu, que se celebrará entre os días 4 e 6 de abril no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta, en Cospeito.
Na xuntanza participaron o delegado territorial, Javier Arias; a presidenta da comisión organizadora, Ana Iglesias; o vogal José Rodríguez; o xerente, José Manuel Rus, e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa. Ademais de dar soporte á feira, Arias confirmou que a Xunta colaborará cos premios do Concurso de gando frisón, o único que se celebra na provincia e un dos poucos que se manteñen en Galicia.
O delegado destacou a relevancia da Moexmu, “unha das feiras multisectoriais máis consolidadas, que atrae cada ano a milleiros de visitantes e contribúe a dinamizar a economía local, especialmente nos ámbitos agrogandeiro e turístico”. Pola súa banda, o alcalde subliñou que a Moexmu “supón un escaparate extraordinario para o importante sector primario do concello e da comarca”, e lembrou que recentemente foi distinguida pola Xunta nos XV Premios ao Desenvolvemento Rural que concede Agader.