A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación do programa, que incluirá demostracións de oficios tradicionais, desfile de zocas e vestimenta, animación musical e actividades infantís, entre outras propostas
Lugo, 18 de marzo de 2025. A Xunta colabora co XIX Mercado de Primavera do Valadouro, previsto para o sábado 22 de marzo. A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación do programa coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e o alcalde, José Manuel Lamela.
A cita comezará ás 10,00 horas coa apertura dos postos do mercado. Durante todo o día ofrécese unha ampla proposta de actividades, como demostracións de oficios tradicionais, un desfile de zocas e vestimenta, un concurso de carros decorados, unha ruta de tapas polos locais de hostalería, animación musical e actividades para os máis pequenos.
Haberá música na rúa con Dambara, Amado Lar, Noroeste, Os Caliqueños, Festicultores e Los Támega. Ademais, a praza de Santa María albergará os concertos de Abóbriga e Nimbos.
A programación infantil desenvolverase pola tarde. Na praza haberá teatro e maxia con Teatro de Títeres Mircromina, Teatro Inventi e o mago David Méndez. Ademais, o aparcadoiro municipal contará con xogos tradicionais a cargo de Xotramu, entre outras actividades.