A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático tramitou no último ano a repotenciación voluntaria de nove parques, seis dos cales xa foron autorizados e tres xa obtiveron a declaración de impacto ambiental
Deste xeito, a empresa promotora desmantelará os aeroxeradores instalados neste parque e os equipamentos asociados a el como 74 centros de transformación, a rede eléctrica de media tensión soterrada e dúas torres meteorolóxicas. En paralelo, restauraranse os camiños que queden sen uso.
A autorización administrativa para proceder á repotenciación do proxecto Muras suporá a instalación de once novos aeroxeradores e a actualización da subestación transformadora existente.
O futuro parque contará cunha produción neta de 155.886 megavatios hora ao ano tras un investimento total -entre o desmantelamento das instalacións actuais e a execución dos traballos para a repotenciación- de arredor de 43 millóns de euros de execución material.
A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático está a facilitar as repotenciacións voluntarias que melloran a eficiencia dos parques actuais e reducen o seu impacto na paisaxe pois permiten reducir ata un 80% o número de aeroxeradores e aumentar un 35% a súa capacidade de produción de enerxía renovable. No último ano tramitou a repotenciación voluntaria de nove parques, seis dos cales xa foron autorizados e tres xa obtiveron a declaración de impacto ambiental continuando coa tramitación para a súa autorización.