A Consellería do Mar dá resposta ás demandas da frota ampliando o tempo de descanso da actividade extractiva e dotándoa de apoio económico ademais de traballar para contar con máis e mellores datos da situación da pesqueira
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025. A Xunta acorda co sector unha parada biolóxica en abril e unha veda do polbo en Galicia durante dous meses, en concreto, maio e xuño, tal e como se trasladou ao sector na última reunión da comisión de seguimento do plan experimental para a xestión deste octópodo e a falta de que se aprobe e se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución para esta campaña 2025-2026.
A parada biolóxica e a veda son medidas técnicas que recolle o plan do polbo co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación sostible deste recurso pesqueiro. Así, en ambos períodos queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, xa sexan interiores ou exteriores. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto. Tamén é aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
Unha das novidades respecto ao último plan é que a paralización da actividade extractiva no mes de abril contará con apoio económico ao sector afectado ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) que ampara a posibilidade de habilitar estas axudas á paralización temporal para aplicar medidas de conservación como os períodos de descanso biolóxicos dos recursos aparece recollida no regulamento deste fondo. Realízase para favorecer as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e para impulsar o desenvolvemento da actividade de xeito sustentable.
No plan consensuado co sector para a campaña que se abrirá no mes de xullo, ao terminar a veda, non varían nin os quilogramos marcados como captura máxima nin as e especies acompañantes que se poden capturar, como tamén permanecerán igual os horarios, tal e como se recollerá no DOG. Deste xeito o Goberno galego culmina a elaboración do plan para a campaña 2025-2026, iniciado o ano pasado e da man do sector, no que se analizaron as mellores datas para retomar a actividade da frota en función do desove da especie e tamén dos alevíns .