A idea partiu dun dos “Pepes” do grupo, José Ramón Vila, que, ademais, este ano é un dos organizadores, xunto co seu compañeiro José Manuel Cobos. A norma non escrita do evento di que cada ano haxa dous encargados de programar e preparar a xuntanza e que ditos responsables vaian variando de ano en ano.
Os actos a celebrar o día 22 inclúen unha recepción no concello de Foz ás 13,45 por parte do alcalde do concello, Francisco Cajoto, seguida dunha ruta polos bares do pobo para rematar no restaurante As Brasas, onde degustarán a comida preparada. Ao final do xantar cada un dos asistentes recibirá un chaveiro conmemorativo do 10º Aniversario da Festa dos Pepes e celebrarase un sorteo de agasallos; aqueles que teñan sorte e lles toque recibirán obxectos doados polos establecementos de comercio local. É a primeira vez que a reunión ten o seu centro nun xantar, pois en todas as edicións anteriores foi cunha cea.
Nesta festa, o asistente máis novo ten 24 anos e o maior supera os 80. Nesta reunión de confraternidade participan homes e mulleres, a diferenza doutras xuntanzas semellantes, reservadas só para os varóns; a única condición para poder participar é que o nome da persoa conteña como nome “Xosé” ou calquera dos seus derivados, como por exemplo, Xosefina. Cada ano asisten Pepes e Pepas de Foz e tamén dalgúns outros concellos. Nos dez anos transcorridos xa faleceron catro participantes da cita, polo recordo dos cales gardarase un minuto de silencio.
Cada ano, a Festa dos Pepes reúne a unha chea de veciños, dispostos a pasar un bo rato xuntos e a crear fermosos lazos de veciñanza e amizade. Aínda que o nome “Pepe” vai a menos, substituído por outros máis “á moda“, o certo é que é unha tradición de sempre entre a xente de Foz e da Mariña e “agardamos que durante moitos anos se poidan seguir xuntando os que o levan“. Non se descarta a posibilidade de que, rematado o xantar, se entoen unhas cantas cancións que deixen afónicas as gorxas dos asistentes.