A charla será impartida pola enfermeira María Roel Pardo, que falará sobre a importancia de coñecer e sensibilizar sobre o Alzheimer.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, lembrou que “o alzheimer, como unha das principais causas de demencia, afecta a un número crecente de persoas maiores en todo o mundo e que, a pesar dos avances, segue sendo unha enfermidade que require atención e compromiso social, tanto para as persoas que a padecen como para os seus familiares e coidadores”.
A edil ribadense subliñou que “é fundamental que a sociedade estea informada sobre a enfermidade, que se sensibilice para apoiar ás persoas que a padecen e as súas familias. Aínda que non hai cura, si podemos mellorar a súa calidade de vida ofrecendo ferramentas e recursos necesarios. A atención precoz, a formación dos profesionais e a creación de espazos de sensibilización son claves para o seu benestar”.
Segundo explicou a enfermeira María Roel “o obxectivo desta charla é informar sobre que é o alzheimer e como se diferenza dun envellecemento normal, dar a coñecer cales son os síntomas iniciais e a importancia da detección temperá. Ofreceranse ferramentas e recursos prácticos do día a día para manter a saúde cognitiva e reducir posibles riscos, ofrecendo prevención primaria. E aportaranse coidados efectivos para as persoas dependentes sen esquecernos do papel clave que ten a familia, o coidador destas persoas e o seu propio autocoidado, xa que é unha enfermidade que conleva un gran desgaste emocional para as persoas do arredor”.
Elena Sierra indicou: “reiteramos e insistimos en que este tipo de formación contribúe a un maior benestar, autonomía e independencia das persoas maiores, e por iso a importancia de seguir traballando de forma conxunta para que as persoas maiores e as súas familias non se sintan soas. Este tipo de charlas sobre a saúde e o benestar están tendo moi boa acollida, polo que seguiremos apostando por elas”.
As vindeiras charlas que se impartirán nos próximos meses abordarán cuestións de autocoidado e saúde, os primeiros auxilios, a prevención de caídas ou os coidados da pel e as úlceras por presión.