Encarna Lago incorporarase a este foro internacional como membro ordinario
Lugo, 18 de marzo de 2025. A xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago incorporarase ao Comité Internacional para a Museoloxía Social como membro ordinario, a proposta da súa xunta directiva. A participación no Comité establécese por dous anos, de 2025 a 2027.
A incorporación a este foro internacional no que participan responsables de museos de 18 países de Europa e América supón un novo recoñecemento ao traballo que se desenvolve nos museos provinciais para reforzar os vínculos destes espazos culturais coa comunidade e o territorio en que se ubican e recuperar para a narrativa dos museos a memoria de grupos sociais relegados ou discriminados en función de diferentes desiguldades.
Encarna Lago valorou a oportunidade que este nomeamento supón para “seguir visibilizando o que facemos desde a Rede Museística en Lugo ao tempo que sinalou a responsabilidade que implicará traballar con profesionais de todo o mundo coa Museoloxía Social como ferramenta, asumindo a responsabilidade social fronte ás crecentes e persistentes ameazas aos Dereitos Humanos”
Comité Internacional para a Museoloxía Social
O Comité Internacional para a Museoloxía Social é un dos 34 comités internacionais do ICOM (Consello Internacional de Museos), unha entidade dedicada a fomentar a protección do patrimonio, a formación de profesionais dos museos e a investigación que integra museos museos de 129 países e territorios.
Creado en 2023, este foro internacional sobre museoloxía social funciona como un centro mundial de reflexión sobre cuestións relativas á museoloxía social. Establece estándares, formula recomendacións e canaliza o intercambio de experiencia profesionais e información científica entre membros do ICOM neste ámbito de coñecemento.
O Comité está formado 65 membros ordinarios, responsables de museos de España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Estados Unidos, Cuba, Venezuela, México, Perú, Chile, Colombia, Brasil, Arxentina, Bolivia, Costa Rica, Ecuador e República Dominicana.
A declaración emitida tras a súa última conferencia internacional, celebrada o pasado mes de febreiro en Lisboa, subliña a necesidade de “repensar o papel dos museos e dos procesos museolóxicos na sociedade contemporánea” e “asumir inequivocamente a súa responsabilidade social” fronte ás crecentes e persistentes ameazas aos Dereitos Humanos”.
Web do Comité https://somus.mini.icom.museum/homepage/welcome-pagina/