A Mariña, 11 de marzo de 2025.O turismo ornitolóxico é un piar clave no posicionamento da Mariña Lucense como destino sostible. Promover o aproveitamento dos recursos naturais e o seu desfrute desde un punto de vista respectuoso permite plantexar un turismo de futuro, que minimice o impacto no territorio e que xere riqueza no mesmo.
Nesta liña, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense traballa no marco do Plan de Sostenibilidade Turística 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Ao abeiro do mesmo desenvólvense diferentes iniciativas, en colaboración con empresas especializadas, coas que impulsar A Mariña Lucense como destino turístico sostible polo seu valor natural, xeolóxico e ornitolóxico.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, subliñou que “no eido ornitolóxico, A Mariña eríxese como un destino valorado para as persoas que desfrutan coa observación, estudo e avistamento de aves. Este tipo de turismo é un dos grandes activos do territorio e permite crear novos nichos de mercado, máis especializados, que ao mesmo tempo contribúen a desenvolver novos produtos turísticos, máis profesionalizados cos que dar resposta a esa demanda e atraer máis e mellor turismo”.
Ornitoloxía singular
Unha das citas recentes que tivo lugar na Mariña foi o encontro de formación en ornitoloxía, na que a mediados de febreiro unha trintena de persoas do eido turístico público-privado e do mundo da divulgación ambiental, procedentes de Galicia e Asturias, tiveron a oportunidade de mellorar a súa formación para atender a demanda no eido do turismo ornitolóxico e natural. O obxectivo destas xornadas foi achegar unha serie de claves para coñecer o patrimonio ornitolóxico do territorio e as súas potencialidades, para crear produtos turísticos orientados a satisfacer as demandas dos birdwatchers.
A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, sinalou que “este encontro de formación incluíu saídas de campo para a observación de aves, nas que os asistentes tiveron a sorte de avistar numerosas especies de aves propias de diferentes ecosistemas (alcatraces, culleretes, águias peixeiras, garzas, cullereiros e gaivotas, entre outras) e, especialmente, dúas: dous exemplares de Barnaclas Cariblancas na ría de Foz, especie pouco abundante, e unha gaivota de Bonaparte en San Cibrao. Estes fitos tiveron unha gran transcendencia entre os participantes, animando á asistencia noutras actividades co obxectivo de poder desfrutar de avistamentos similares”.
Foro natureWatch
Para avanzar neste posicionamento da Mariña como destino natural e ornitolóxico, a finais deste mes de marzo, do 28 ao 30, Barreiros acollerá o encontro natureWatch, un foro especializado de ecoturismo que convoca a participantes nacionais e internacionais de perfís relacionados coa práctica e divulgación do turismo sostible de natureza. Na primeira semana de inscricións abertas xa se cubriron a metade das prazas, o que pon de manifesto a boa acollida por parte da comunidades especializada deste tipo de iniciativas.
Rocío López dico que “o foro natureWatch inclúe ponencias especializadas sobre proxectos turísticos, xeoloxía, botánica, xeoturismo e de regulación turística de espazos naturais, entre outras. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de participar en visitas de campo a diferentes puntos do territorio de A Mariña, como a Serra do Xistral ou o monumento natural praia das Catedrais, para coñecer de primeira man a realidade natural e xeolóxica deste destino”.
O encontro natureWatch está promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A organización corre a cargo da empresa especializada Daboecia Arte y Naturaleza en colaboración con El Ecoturista. Ademais, nesta edición conta coa colaboración especial de RURALtXA!, un proxecto que impulsa a bioeconomía no mundo rural e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Máis información e inscricións abertas a través da páxina web oficial:
https://www.encuentronaturewatch.com/encuentro-naturewatch-a-marina-lucense-2025/#inscripciones