A Mariña, 24 de marzo de 2025. A Mariña acolleu esta fin de semana o encontro da Asociación de Travel Bloggers Galicia TB, unha entidade que engloba a perfís sociais de toda Galicia dedicados á creación de contidos de viaxes
O encontro, de carácter interno, desenvolveuse en Viveiro, e facilitoulles aos asistentes participar nun programa de actividades co que percorrer durante a fin de semana diferentes puntos do territorio da Mariña para coñecer a oferta turística deste destino.
Así, en colaboración coa Mancomunidade de Concellos A Mariña Lucense, realizaron visitas guiadas por Xove, na que se afondou na súa riqueza xeolóxica; por Viveiro, para descubrir a súa riqueza patrimonial; e por Foz, na que se explorou a oferta natural e costeira do municipio. Deste xeito os membros de Galicia TB que asistiron a este encontro tiveron a oportunidade de desfrutar de primeira man e con guías especializados dun destino que traballa para posicionarse pola súa oferta singular e sostible.