Os tíckets, cun custe de 35 euros para os non socios, e de 30 euros para os socios, están á venta en diferentes establecementos hostaleiros da zona
Cervo, 26 de marzo de 2025. O Concello de Cervo acollerá o próximo 19 de abril, sábado de Semana Santa, a III Gran Festa das Xeracións, organizada polo club de trail local A Fume de Carozo coa colaboración do Concello de Cervo.
A cita, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Cibrao, foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, e por varios membros do club organizador.
Tal e como precisan desde a organización, esta Festa das Xeracións, que vai xa pola terceira edición, reflexa o espírito inclusivo e participativo do club de trail, como unha actividade complementaria ao deporte na que convivir, desfrutar e tecer novos lazos ou mesmo recuperar antigos vínculos, con reencontros e novas amizades entre persoas que ser irán acomodando no xantar en función da década de nacemento.
As persoas interesadas poden mercar os seus tíckets por un custe de 35 euros para os non socios, e de 30 euros para os socios “como un incentivo e en agradecemento ás persoas que forman parte do club e que nos axudan tamén a ir medrando ano a ano” nos establecementos As Titas, O Noso Lar, O Faro, A Penúltima, Bodega de Ana, todos eles en San Cipirán; e Antoxo-Cafetería (Xove) e Vista Alegre (Burela).
Na Festa, que xa se está a converter nun clásico da Semana Santa, haberá sorpresas, sorteos e moita música da man de DJ Pablo Conxuro.
Desde a organización, que agradecen de antemán o apoio “que nos axuda a seguir traballando na organización de novos eventos deportivos”, tamén avanzan que xa teñen novas ideas para as vindeiras edicións, e explican que sen ser de carácter obrigatorio para poder asistir “vaise promover unha festa máis vintage, tamén en canto á vestimenta” e queren xa ir informando de que a idea da IV edición é animar a todos os participantes a que veñan coa indumentaria que consideren máis representativa da súa década.