Viveiro, 31 de marzo, 2025. O encontro anual dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), volveu celebrarse esta noite. Foi no Restaurante Louzao de Viveiro.
No transcurso da mesma e tras un aperitivo, fíxose entrega dos premios Toda unha vida nos fogóns, homenaxeando así a traxectoria de Ana María Gómez Mon, do Restaurante Río Neira, de Ponte de Neira (O Corgo); Benedicto Vela Santos, de Cervecería Kiko, de Burela; Generoso Maseda e Amelia Villasante, da Lonxa de Burela, e Ángeles Galdo, do Hotel O Val do Naseiro, de Viveiro.
Os galardoados recibiron unha placa de Sargadelos coa marca turístico gastronómica “…E para comer, Lugo”.
Seguidamente, interveu o presidente da Apehl, Cheché Real, que puxo en valor todo o traballo realizado ao longo destes 48 anos e resaltou a recuperación do sector tras cumprirse recentemente cinco anos da declaración do estado de alarma pola covid-19.
Puxo de manifesto as ensinanzas que deixou a pandemia. En primeiro lugar destacou que “o sector hostaleiro non é só unha actividade económica, é un xeito de vivir e xerar felicidade”, apuntou que “aportamos valor engadido a outros sectores que, sen nós, non terían sentido” e engadiu que “as asociacións xogan un papel crucial para defender os nosos dereitos”.
Finalmente, dedicou unhas palabras de agradecemento a todas as institucións e organismos que colaboran incondicionalmente coa Apehl, ademais de ter unha lembranza moi especial por José Luis Yzuel, presidente de Hostelería de España durante os últimos oito anos, que faleceu recentemente.
A continuación tomaron a palabra José Luis Álvarez Almeida, novo presidente de Hostelería de España; Carmela López Moreno, deputada da Área de Economía, Recadación Facenda e Especial de Contas da Deputación de Lugo; María Isabel Rodríguez López, subdelegada do Goberno en Lugo; e Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro. O acto pechouno Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, que acudiu á Gala acompañado de María José Gómez, conselleira de Medio Rural, e Alfonso Villares, conselleiro do Mar. Tamén acudiron José Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia e Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo.
O evento reuniu a preto de 200 persoas, entre hostaleiros, autoridades, representantes das diferentes denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e produtores de razas autóctonas de Galicia, así como a provedores e profesionais do sector.